miércoles, 16 de diciembre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS ( 48 ) Antonio Manuel Fraga



     Lino por vez primeira cando gañou o Premio Merlín de LIX no ano 2013. Encantoume a súa novela. Descubrín a Antonio Manuel Fraga.
     Pensei axiña que aquí aparecía un novo autor que me ía interesar. Non me trabuquei. O Castañeiro de abril é unha historia suxestiva. Unha historia ateigada de humanidade, na que a dignidade das persoas sobrevoa cada capítulo.
        
Antonio Manuel Fraga
 Emocioneime co planteamento afouto, coa sensibilidade con que trata os temas no libro, cos personaxes, coa poesía que garda este texto extraordinario e escrito con mestría. Velaquí un parágrafo:

-          Vender non vendo nada, aínda que non porque a miña mercadoría sexa cativa. Nin tampouco por mor deste tempo cálido. Eu son coma unha árbore que medra cara á terra, ou coma unha flor teimuda que insiste en despregar os seus pétalos na invernía, sabedora de que  a súa efémera beleza non está pensada para a nevarisca e a sarabia….
  
     Tras ler O Castañeiro de abril sentín ben preto a literatura. O seu autor non daba concesións e o concepto do literario estaba por riba de todo.
     
     Despois souben que naceu en Pontedeume en 1976, que estudou Enxeñaría Técnica Industrial en Ferrol e que duns anos a esta parte vive na Coruña. Posteriormente viviu en en Alcañiz, (Teruel) e no inverno de 2010 trasladouse a  Romanía, onde participou na construción dun parque eólico. 
Nun encontro con lectores e lectoras

     Asentado actualmente en Galicia , comezou a escribir e gaña o Premio Merlín (2013), o Premio de Antón Risco de Literatura Fantástica (2015)  e acaba de publicar un entrañable conto solidario, O grilo máxico, que  engaiola, para a Asociación de iniciativa social Berce. Antonio Seijas, ilustrador e persoa prestixiosa no mundo da banda deseñada, acompaña este texto (igual que fixera no Premio Merlín) de xeito encantador.

     Por estas e moitas razóns, Antonio Manuel Fraga tiña que estar presente nesta sección. A luz das súas palabras brilla con este relato breve, intelixente, inédito, que  dende Versos e aloumiños  lle agradecemos de maneira fonda.

     
     Grazas, Antonio Manuel, pola túa xenerosidade.



Ilustración de Antonio Seijas para "O grilo máxico".

TRES XÉNEROS DE VALOR


En Inverness, Escocia, hai un fiorde tan longo que comeza noutro océano. Se un remeiro boga nese fiorde sen ter cortado a palma da súa man tres veces cunha navalla, naufraga sen remisión.

Na Piazza San Marco, no veneciano sestiere de San Marco, hai catro tetrarcas de pórfiro que foron roubados en Constantinopla a comezos do século XIII. Ocultos baixo unha columna, os tetrarcas contan as ratas nocturnas da cidade, un exército de máis dun millón de roedores que son os auténticos aborixes do pantano primixenio.


En Sesgaña, na retorta ría de Tordollobre, hai un illote cun faro que lle chaman “da Serea”, e que fecha a praia e os días da vila. Desde a area próxima óuvese ás veces bruar unha muller (isto podo aseguralo, porque o vivín), mais ninguén viu nunca esa tola. Durante o verán os rapaces nadan até a illa, para despois volveren á praia cos petos cheos dunha clase de seixos vermellos que só hai no illote da Serea. Para que? Para deitarse logo sobre as rochas do solpor e guindarlle os seixos ás rapazas máis fermosas. É o xeito que teñen de dicir: cortei a man tres veces, contei ratas na noite, nadei onde a serea. E aínda estou aquí!

                                                                              ANTONIO MANUEL  FRAGA