Breve Perfil Biográfico


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO naceu en Vigo no ano 1952. Exerceu como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade e a día de hoxe xa está xubilado.

Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, másters e conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións

Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para a mocidade, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as.

Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.

No VI Simposio de Literatura Infantil e Lectura da FGSR o seu libro Versos de agua (en galego Cacarabín, Cacarabón) foi elixido entre Los 100 del Siglo XX.

O seu libro de relatos Trala liña do horizonte foi elixido como libro asociado do “Fórum Barcelona 2004”.

Gañou no ano 2006 o I Premio Illas Sisargas de Poesía erótica co seu libro Arredor do teu corpo.

En 2007 gañou o Premio de poesía infantil “Luna de aire” convocado polo CEPLI / Universidade de Castela-A Mancha, co libro Estelas de versos, escrito en colaboración co escritor Rafael Cruz-Contarini.

O seu  libro Un rato díxolle á lúa recibiu o premio Fervenzas Literarias en 2014.

O libro compartido con Antonio Reigosa, Lendo lendas, digo versos recibiu o premio á mellor iniciativa bibliográfica na I Gala do Libro Galego.

Así mesmo, os seus poemas figuran en múltiples antoloxías (e libros conxuntos) tanto en galego coma en castelán ou catalán en España e Latinoamérica. Algúns deles foron musicados por distintos grupos de Galicia e por músicos da categoría de Antón Seoane, Mamá Cabra ou Paco Ibáñez, e son motivo de rigorosos estudos críticos.

Como tradutor ao galego leva realizado diversos traballos dentro do eido literario infantil e xuvenil.

Dirixiu o programa radiofónico de música e poesía Os sons do silencio.

Durante un tempo foi columnista do semanario “A Nosa Terra” onde escribía  sobre lectura, literatura infantil, ademais de artigos de diversa índole.

Dirixe o blog-revista Versos e aloumiños.

No ano 2017 obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (do Ministerio de Cultura) polo poemario escrito en galego, Poemar o mar, publicado por Edicións Xerais e ilustrado por Xan López Domínguez.

O libro Lendo lendas, digo versos, escrito en colaboración con Antonio Reigosa, entrou na Lista de Honra do IBBY, 2018.

No ano 2020 foi nomeado Vigués Distinguido polo Concello de Vigo debido á súa traxectoria literaria.

É profesor da Escola de Letras (Deputación de Pontevedra / Galaxia) no xénero de poesía.

Dende hai varios anos, é o coordinador da sección poética da revista dixital La Página Escrita (Fundación Jordi Sierra i Fabra).