jueves, 30 de noviembre de 2017

SINATRA E JOBIM: 50 ANOS DA SÚA LENDARIA COLABORACIÓN

Neste 2017 que paseniño se vai achegando á súa fin cúmprese o quincuaxésimo aniversario das sesións que, en xaneiro e febreiro de 1967, reuniron nun estudio a Frank Sinatra e a António Carlos Jobim para a creación dun disco xa lexendario dentro da música do século XX: aquel que deu en titularse simplemente Francis Albert Sinatra & António Carlos Jobim. Foi un disco importante porque supuxo a fusión por excelencia entre a bossa nova brasileira e o pop estadounidense da man dunha das voces máis recoñecibles do mundo e da voz máis sobranceira do novo estilo chegado de Brasil.


Ben é certo que a bossa entrara xa nos Estados Unidos nos últimos anos 50 e primeiros 60 pola porta do jazz: nun principio coa colaboración entre o saxofonista da Costa Oeste Bud Shank e o guitarrista brasileiro Laurindo Almeida (xa escribín en Versos e aloumiños sobre estas sesións aquí) e despois, e sobre todo, co magnífico disco Jazz Samba, de Stan Getz, editado en 1962. Tralo éxito da bossa nova entre os jazzmen (non houbo case que ningún músico importante de jazz que non fixese algún disco de sabor brasileiro na década dos 60) pasou a impregnar gravacións de artistas moi diversos, o que ten levado a críticos como Will Friedwald ou Donald Clarke a afirmar que a bossa foi unha das mellores cousas que lle ocorreron ao pop nesta época dominada polos Beatles e a Invasión Británica.





Claus Ogerman
Non foi Sinatra o primeiro cantante en sentirse influído polos sons do Brasil, pois por exemplo Tony Bennett gravara xa unha manchea de bos temas neste estilo antes de 1967, pero A Voz quixo crear o disco definitivo que fusionase o pop coa bossa. Para iso convidou a Jobim, un cantautor que gozaba xa de renome por ter composto un bo conxunto de éxitos coma "Corcovado" ou "Garota de Ipanema", a compartir un disco completo con el, o máis achegado a un songbook xamais gravado polo de Hoboken. Sete das cancións serían de Jobim e tres serían recreacións no novo estilo de standards escritos por Irving Berlin ou Cole Porter. Para os arranxos ninguén mellor ca o alemán Claus Ogerman, que xa traballara anteriormente con Jobim e coñecía a súa música mellor ca ninguén.




O resultado é un dos mellores álbumes da carreira de Sinatra, quizais o seu derradeiro gran disco conceptual, cun son suave e envolvente no que se atopaba moi a gusto, interpretando clásicos da bossa coma os dous xa mencionados e outros coma "How Insensitive (Insensatez)", "Once I Loved (O Amor em Paz)", "If You Never Come to Me (Inútil Paisagem)" "Meditation (Meditação)" ou a marabillosa "Dindi". Sinatra ficou satisfeito co resultado do disco, e dous anos despois comezaría outro proxecto con Jobim, mais sen Ogerman e co músico brasileiro Eumir Deodato a cargo dos arranxos. O son deste segundo disco, que nunca chegou a publicarse do xeito que Sinatra pensara orixinalmente, é moi diferente do primeiro, máis contundente e menos suave. Todas as gravacións realizadas nestes anos por Sinatra e Jobim están disponibles na compilación Sinatra / Jobim: The Complete Reprise Recordings, publicado en 2010).





Pablo Martínez
Para conmemorar tan importante cabodano, o meu amigo Pablo Martínez Diente, profesor de español na Kansas State University, e mais eu fixemos unha edición especial do podcast Discos Memorables, na que falamos longamente sobre unha das colaboracións máis interesantes das carreiras de Sinatra e Jobim. Déixovolo aquí para rematar o artigo por se queredes escoitalo.




                                                   ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ