martes, 24 de octubre de 2017

DAVID OTERO ESCRIBE SOBRE BIBLIOTECAS

David Otero nunha das súas innumerables charlas


O día 24 de outubro é o “Día da Biblioteca”.
Canta necesidade de bibliotecas hai  na comunidade escolar! E xa hai moitas persoas que son conscientes desa necesidade e están traballando en Galicia dun xeito entusiasta e firme. O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia é un bo exemplo do que digo. Que gran labor o de Cristina Novoa e o seu equipo!

    Pero non creamos que todo é un lugar de rosas. Aínda quedan moitos centros que viven de costas á biblioteca escolar. E iso non se pode consentir a estas alturas da vida. Aínda hai persoas que non valoran o ben que unha biblioteca supón para dinamizar o centro e, a través dela, conseguir que a formación dos escolares se complete coa literatura moi preto deles.

     Contar con David Otero en Versos e aloumiños é un verdadeiro luxo, ademais dun pracer infinito. David é un home que consegue “encantar as palabras”. Un home dunha altura intelectual ampla e dun amor polo alumnado fóra de toda dúbida. Coma escritor, sempre procura a intensidade e o ton lúdico no seu discurso literario, además de ser un home crítico e moi esixente. Como persoa, alguén comprometido e honesto coa cultura de Galicia a todos os niveis.

    Ben, pois ninguén mellor ca el para escribir sobre algo que ama fondamente: as bibliotecas e as palabras. De aí que neste blog-revista non sintamos felices de poder contar cun artigo fermoso que nos conmove.

     Amigos e amigas de Versos e aloumiños, desfutádeo.





                                          AS BIBLIOTECAS

        
                                                                                                               DAVID OTERO


Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na data antedita do vintecatro lle deamos acariñadamente un intensivo acento.

     A nosa forza de lectoras e de lectores vai na suma dos días dos anos nos que nas bibliotecas ( e noutros espazos) exerzamos activamente lectura. Días dos anos os cales han reflictir en nós, nas nosas actitudes e conductas, as verdades emocionais desas experiencias lectoras, pois a lectura nunca perdeu a súa maxia, o seu misterio, pero tampouco o seu dramatismo, a súa vértice que nos envolve para que vexamos que neste mundo hai outros.
Nela hai memoria e xa que logo amor e tamén cabreo e xenreira, incomodidade ( non lle direi odio pero…) Iso si…pola lectura non debésemos parar quietos. Menudo fervedoiro.Pola lectura nós non somos receptores pasivos de tantos mundos que nos posibilitan os libros e outros soportes. Pola súa mediación, tamén polas autoras e os autores, estamos creando de seguido, pois facemos lectura co que somos e co que temos.

As bibliotecas non deben ser lugares de quietude, nin de silencio. Serán  espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar a acordos ilusionantes, pois nada debemos illar dos sentimentos. Serán lugares de lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das imaxinacións,

Todo así ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura ( como fundamentais conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).
        
Paula, Eloy e Nerea, tres rapaces que levan, co seu Consello bibliotecario, a Biblioteca do colexio
     
     Velaí as bibliotecas , coas súas bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades ( pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo, comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están tamén abertas para elas e para eles, si, para entrar, para quedárense ou para írense).
     Nestes espazos de lecturas( non únicos) todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a forza delas será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns  de lectoras e de lectores.
Pasen e nótenno.
Feliz día ( lendo, claro).