martes, 5 de septiembre de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CVIII) Olalla Cociña









                           OLALLA COCIÑA LOZANO  (Viveiro. Lugo, 1979)




Ollalla Cociña

En todas as estacións
hai tardes que arrefrían
sen querer
encollen todo.

Se cadra é hora de resignarse
e ser varias
ao mellor imos abrigarnos
moi soas
ao ralentí
tentando secar o cerco
desta humidade salina, calamitosa.







Entendo agora febreiro
o mes que che encollía o corazón.

A decrepitude das horas
inscritas na aura dunha clepsidra
ou contra o cristal dunha xarra baleira.

Podo presentarche
á que defrauda antes de defraudar
a que ten a marabilla, a navalla
o compás
e o mapa errado das covas.
 
Está todo arranchado
para devolvernos tal como eramos.







Erguemos unha pedra e debaixo
bulen formigas
desafeccións pequenas.

Nesta ruta que facemos
con lentes de aumento na mochila
ensínoche xogos e trampas
cunha vantaxe ao meu favor:
téñote entre os dentes.







XARDÍN DE INVERNO


As casas deshabítanse e quen podará as nosas árbores
árbores familiares
que será das roseiras
da hedra centenaria.

Desmembraremos todas as tendencias
mandaremos lonxe as manías
ninguén vai herdar este anel de poder
tampouco a cicuta.

Aquí habitarán as desarroupadas.







(Do libro Vestir a noite, XIV Premio de Poesía Afundación  2016, editado polo Centro PEN Galicia, 2017).