lunes, 26 de junio de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (28) "Grisela", de Anke de Vries e Willemien Min (ilustracións)







TÍTULO :  Grisela.



AUTORAS: Anke de Vries (texto) e Willemien Min (ilustracións)


EDITORIAL: Kalandraka. COLECCIÓN: Demademora.





Grisela é unha fermosa historia que a editorial Kalandraka lles achega aos primeiros lectores en galego. As súas autoras, a escritora holandesa Anke de Vries e a ilustradora, tamén holandesa Willemien Min son recoñecidas dentro do mundo da Literatura Infantil.

     
Anke de Vries

     Trátase dun álbum ilustrado cuxa protagonista é unha pequena rata gris chamada Grisela. Esta sente un día a tristeza e coma non lle gusta esta emoción, decide pintar de cores alegres e rechamantes, de liñas ou puntos a súa pel gris, pero en vez de sentirse mellor, o que recibe son as burlas daqueles cos que se atopa, ao considerar que vai disfrazada. Será grazas á intervención dunhas abellas como descubra a fermosura da súa pelaxe gris.

     


     A partir desta trama sinxela, a autora Anke de Vries amósalles aos nenos que todos somos diferentes e que as nosas diferezas non deben ser motivo de burla por parte dos demais porque o importante é estar a gusto con un mesmo.

     Conto que chega aos lectores porque lles fala de sentimentos e emocións que lles son familiares a partir de personaxes animais humanizadas, tanto nos seus costumes coma na maneira de comportarse. Tamén os axuda a espertar a empatía cara ao outro, ao mesmo tempo que recoñecen sentimentos próximos coma a tristeza ou a ledicia, xogando con conceptos concretos e a simboloxía das cores.

     En definitiva: a autenticidade fronte á imitación coma camiño cara á felicidade e a aceptación das diferenzas coma canle  de coñecemento.
Willemien Min

     As expresivas ilustracións de Willemien Min dotan de vida as personaxes, ao centrarse nelas empregando trazos humanos e mesturando, ademais da colaxe co papel, a cor negra coas demais sobre o fondo branco.



                                                                                                       ALBA  PIÑEIRO