martes, 30 de mayo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (25) "Ernesto e Celestina. Músicos da rúa".






TÍTULO: Ernesto e Celestina. Músicos da rúa.


AUTORA: Gabrielle Vincent.


TRADUCIÓN: Tamara Andrés.


EDITORIAL: Kalandraka. COLECCIÓN: Tras os montes.




Grazas ao labor editorial de Kalandraka, os primeiros lectores poden coñecer a Ernesto e Celestina na nosa lingua. Ernesto e Celestina son dous personaxes entrañables que na década dos oitenta tiveron a súa aparición da man de Gabrielle Vincent. Este é o nome artístico baixo o que se agocha a respectada pintora belga Monique Martin.

 
Gabrielle Vincent
     
    Ernesto e Celestina. Músicos da rúa, é un fermoso e suxestivo álbum ilustrado que forma parte dos trinta libros que a autora publicou nos que os seus protagonistas son o bondadoso e preguiceiro oso Ernesto e a vitalista e intelixente ratiña Celestina. Cada libro conta unha aventura entre os dous amigos tan diferentes, non só no aspecto físico, senón tamén na personalidade, pero que se complementan perfectamente.


     Neste caso, deciden facerse músicos da rúa e así conseguir os cartos suficientes para poder arranxar o tellado da súa casa. Despois de ter probado distintas opcións, decátanse de que se traballan xuntos, o resultado é máis doado e mellor.

A través dunha linguaxe textual sinxela, clara e directa sustentada nos diálogos dos personaxes descubrimos o valor da amizade, a xenerosidade, a tenrura e a grandeza das pequenas cousas como base da felicidade.



     As ilustracións non son un mero acompañamento textual, senón que forman parte del. Destaca a simbiose entre o texto dialogado e o visual, de tal xeito, que, ás veces, a lectura plástica substitúe a verbal. Trátase de marabillosas imaxes pictóricas en acuarela e con debuxos de trazos e tonalidades suaves que  atraen a atención do lector e achegan información baseada en detalles, que non escapan aos ollos dos nenos.


                                                                                                            ALBA PIÑEIRO