martes, 4 de abril de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (19) "Matilde", de Sozapato / "Polo camiño", de Mariana Ruiz Johnson






TÍTULO: Matilde.

AUTORA: SOZAPATO ( Sofía Zapata Ochoa)

EDITORIAL: Kalandraka.








TÍTULO: Polo camiño.

AUTORA: Mariana Ruiz Johnson.

Tradución: Xosé Ballesteros.

EDITORIAL: Kalandraka.




A editorial Kalandraka achégalles aos lectores máis pequenos dous álbums ilustrados que, de seguro, atraerán a súa atención pois comparten o mesmo fío condutor de espertar a imaxinación e potenciar a creatividade.
Un, titúlase Matilde e é da autora ecuatoriana Sofía Zapata Ochoa (SOZAPATO) e o outro, Polo camiño de Mariana Ruiz Johnson que foi traducido ao galego por Xosé Ballesteros.

Ilustración de "Matilde"
     
     Matilde é un álbum ilustrado que nos conta unha historia visual a través de escenas a dobre páxina ao estilo das bandas deseñadas. Matilde é o nome da protagonista, unha nena curiosa que devece por ter un pincel dos que usa o pintor, ao que axexa dende a rúa, mentres traballa no seu estudio. Cando o consegue decide pintar un dragón nun muro gris da cidade gris e indiferente onde vive. Pero, para a súa sorpresa o debuxo cobra vida e o que, nun primeiro momento, era un simple xogo convértese nunha aventura, que Matilde será quen de dominar grazas á axuda do admirado pintor.


Sozapato (Sofía Zapato Ochoa)

     Historia chea de simbolismo tanto, nas cores vivas de certos personaxes que contrarrestan coa atmosfera gris que os rodea, coma na presenza de detalles que os nenos prelectores descubrirán a medida que se adentran nas imaxes até chegar a un suxestivo final aberto.

     Polo camiño é un poema para cantar que lembra as cancións dos xogos infantís da tradición oral.
Trátase dun desfile dunha comitiva feliz integrada por diferentes familias de animais tanto salvaxes coma domésticos, terrestres ou acuáticos dende elefantas ou leóns até ratos ou gatos. Todos comparten a súa ledicia polo camiño cara a un destino común que se descubrirá ao final. Cada famila está integrada pola nai e as diferentes crías, que representan un número e van cargados todos coas súas viandas preferidas e dotados por trazos característicos das súas especies.

Mariana Ruiz Johnson
         A distribución en estrofas de catro versos octosílabos que repiten o primeiro verso Andando polo camiño é unha invitación ao lector para acompañar os diferentes personaxes  a través do ritmo e a musicalidade.  
As vivas ilustracións coloridas e a dobre páxina, contaxian o ambiente lúdico e festivo do texto.


                                                                                                                            
                                                                                                                  ALBA  PIÑEIRO