miércoles, 22 de marzo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (17) "As palabras feridas", de Jordi Sierra i Fabra






TÍTULO: As palabras feridas.

AUTOR:  Jordi Sierra i Fabra.

EDITORIAL: Galaxia. COLECCIÓN: Costa Oeste.




A editorial Galaxia achégalles aos lectores mozos esta engaiolante novela  de Jordi Sierra i Fabra, autor destacado, recoñecido e comprometido dentro da LIX e que grazas a Xesús Domínguez Dono podemos ler na nosa lingua.
   
    A partir dunha estrutura que lembra o estilo das secuencias cinematográficas, o autor vai desenvolvendo a historia de Li Huan, o protagonista de 18 anos que, ao longo dos 37 capítulos, máis un intermedio e un final, descubrirá o verdadeiro valor das palabras ditas, lidas, escoitadas, silenciadas, lembradas e mesmo, imaxinadas, nunha sociedade libre e equitativa.
Jordi Sierra i Fabra (Foto de Francesc Gómez)
     
     Todo comeza cando Li Huan é destinado a facer o servizo militar nunha zona afastada e inhóspita, onde se atopa un campo de prisioneiros. A súa función, ademais de ser o censor do campo, será a de vixiar a un dos presos máis perigosos, o 139, un vello profesor e poeta disidente, que cre na dignidade humana a través  do coñecemento e do libre pensamento.
      
     O feito de que estea sustentada en diálogos directos, cunha prosa clara, á vez que poética e guiados por un narrador omnisciente, permite que o lector siga o protagonista na súa viaxe iniciática cara á verdade e á madurez. Esta queda ben reflectida no emotivo e tenro final.
      
          As palabras feridas é unha novela dura, real, tenra e moi atraente que homenaxea a palabra e todo o que o seu uso ou prohibición conleva. É unha novela humanista que pon de relevo aos lectores mozos a realidade que, por desgraza, moitas sociedades están a padecer en nome de falsas crenzas e ideoloxías que só buscan autómatas e non habitantes pensantes.


                                                                                             ALBA  PIÑEIRO