miércoles, 1 de marzo de 2017

DARDO POÉTICO (XLII) Martiño Maseda escribe co lapis da vida un emocionante poema: "Os dedos da memoria"




Os “dardos poéticos” de Versos e aloumiños son disparos directos ao corazón para removeren as entrañas e sacudir certas pasividades e certas compracencias mal entendidas.
     Disparos, xa que logo, de palabras convertidas en versos. Disparos de luz, de lume, de bicos, de agarimo, pero tamén de crítica, de denuncia de todo aquilo que se converte en habitual cando debería ser extirpado do día a día.
 Martiño Maseda é un poeta que encaixa perfectamente no espírito destes “dardos”. E encaixa porque toda a súa poesía está ateigada de emocións. Un, que cre na emoción como algo indisoluble da lírica, celebra cun pracer enorme os poemas de Martiño e sente ben cerca o efecto do “dardo poético”.
      Fermosísimo, emocionante, agarimoso e mil adxectivos máis merece o poema “Os dedos da memoria” dedicado ao seu pai.
 
Martiño Maseda
     El mesmo explica dun xeito poeticamente maxistral a xénese do poema:
   O lapis da vida escribindo o libro da miña xenética: de pai a fillo, as emocións flúen como augas que xamais se enxugan, nin sequera na traumática observación do proxenitor que se vai extinguindo coma unha folerpa de soños posta á raxeira.

    E por se fose pouco  acompaña unha fotografía poética. Esas mans , eses dedos unidos polo fío do amor, do agarimo. Toda unha declaración de intencións, de momentos para confesar, para dicir, para achegar sentimentos que non dubidan en saír á luz. Mans de pai e fillo. Mans que falan en silencio e amosan a luz dunha relación que non precisa de explicacións.
 
"Mans de pai e fillo"
     Un luxo, este “dardo poético”. Non perdades nin medio verso do poema que ides ler deseguido. Non ten perda. Un poema que aloumiña e que nos fai pensar nestes tempos de valores difusos e, demasiadas veces, nada claros.


OS DEDOS DA MEMORIA

Por Martiño Maseda


papá, cantas xeiras levarás gravadas
en cada unha das follas brancas dos dedos
eses dedos que se pousan inmóbeis nos ríos da miña man
para transmitirme a linguaxe húmida dos devanceiros

cantas fanegas de vida bautizadas
baixo templos de orballo
onde cada pinga de suor rachaba contra a terra
e abría nela feridas de praceres inéditos

cantos pasos esquecidos
na distancia milimétrica dun suspiro
até que o solpor te vestía con sabas de sangue
e despedida

canto silencio escrito na túa fronte
que aínda hoxe me sabe ó sal das penúltimas derrotas
nas que te vin caer de xeonllos
mentres o mundo se inzaba de samargos

cantos sorrisos incendiando as pálpebras do inverno
e os exércitos da xeada rendíanse
coma gavelas de medo
ante o gume desafiante do teu bafexo

canto amor sucando as engurras da alma
cando fitas para este meu rostro sen nome
para esta estraña identidade que te vela
no silencio traumatizado da longa noite…

e, á fin, os dedos apertan a memoria
até estrullala contra as paredes do tempo
e ti, papá, desandas a verea da analepse
matricial que se deforma tras os teus pasos

estala a primavera
nos corredores da casa
onde ficará a gramática dos nosos corpos
segmentándose




                                                                                                                                         ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO