martes, 28 de febrero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (14) "Aire", de María Fumaça







TÍTULO:  Aire
AUTORES/AS:  María Fumaça   
ILUSTRACIÓNS:  P.Pastor
EDITORIAL:  Galaxia.  Colección:  Sonárbore



Gústanme moito os trens. Cada día máis. Pero se teño que elixir un soamente, quedo cun tren especial. Un tren festeiro que me fai feliz cada vez que subo nel. Un tren que viaxa polas músicas do mundo para poñer un punto de alegría no espazo da rapazada, que precisa do seu traqueteo.

      Estou a referirme ao tren da familia María Fumaça. Si, este tren non deixou de viaxar, dende hai uns anos, en ningún momento. É un tren de ilusións, de optimismo. Un tren que canta en múltiples e variadas voces.
     
     Acaban de presentar o seu terceiro traballo, Aire. Un traballo que, coma os anteriores, xira no marabilloso universo de Ruí Sío. Un Ruí  que nos fai medrar (e aquí inclúome) día a día e que nos demostra  que a diversidade funcional non é un impedimento para acadar a felicidade. E como a familia di : “El lévanos polo camiño da inclusión demostrando en cada actuación que é o mellor maquinista do mundo e que nos emociona co seu canto coma ninguén”.
     
"María Fumaça" nunha actuación.
      Aire é un traballo, de novo, exemplar. Éo  tanto dende o punto de vista musical coma poético. Consta de 18 cancións (moitas delas son verdadeiros poemas ou formas poéticas que se recitan en voz alta perfectamente) con músicas diversas e dunha calidade excepcional.
     
     Temas cheos de humor , de actitudes positivas diante da vida, de ironía, de tradición popular (“Dona Matílica” ou “Pedro Chosco”), de ricas formas musicais ( por exemplo, magnífico “Rocanrol”). Temas nos que o lúdico aparece perfectamente conxugado entre a letra e a música. Temas que nos presentan os produtos da horta de Balbina, que nos animan a xogar cun barco de xoguete (adaptación dun poema de Manuel María), que podemos ser malotes, coñecer un neno caníbal (Uf, que medo!), cantar en inglés (“Just you and me”), desfrutar cunha marioneta… ademais de dicir unha nana, xogar a imaxinar nas pompas que fai o xabón no baño ou subir ao tren porque somos pasaxeiros do ben.

     

     
     Magnífica e orixinal a canción de Magín Blanco, “Apertando”, chea de humor e enxeño.Unha canción que se desenvolve nun lugar moi habitual e da que nos sentimos moi próximos.
     
     Pero quero facer fincapé nun tema emocionante. Un tema que te sobrecolle pola intensidade musical e vocal que posúe. Por unha interpretación marabillosa de matices. Refírome á “Suite en Ruí Maior”, interpretada por Ruí Sío (voz e cortina), Sérgio Tannus (viola caipira) e Magín Blanco (guitarra).  Esta “suite” consegue absorberte e é capaz de crear unha atmosfera dun intimismo ben profundo que se agradece. Unha auténtica alfaia.
     
     Salientar, unha vez máis, todo o talento que ten a familia María Fumaça. Moitas persoas aportando esforzos cunha alegría que emociona. Nomealos a todos resulta imposible. A morea de instrumentos utilizados é inmensa. Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Santi Cribeiro, Chus Domínguez, Ana Senlle, Tatán, Serginho Sales, Isaac Palacín, Antonio Castillo… e as voces de Ainhoa González, Manuel Sío (o avó), Erea Palacín, Irea Navós, Raquel Domínguez (gaita incluída), Carlos Blanco e tantas outras.

     

     
     Música e poesía na escola, na casa, nos concertos, na vida. Música para medrar por dentro, para ser felices, para compartir sensacións e facer que prevaleza o dereito á diferenza, para loitar por acadar un mundo sen barreiras, solidario no que a marxinación estea marxinada  ata que desapareza.
     
     Aproveito, unha vez máis, para felicitar a Editorial Galaxia  por crer nestes proxectos tan ricos e por manter no seu catálogo (e medrando) unha colección coma “Sonárbore” tan prestixiosa coma necesaria.
     
     Non esquezo as ilustracións, obxectos marabillosos e vivos, en constante movemento, de P. Pastor, todo un exemplo de expresividade, de cor, tan acaídos para un libro-disco coma Aire. Entran nun dialogo aberto coas cancións e cos lectores/oíntes, ademais de transportalos nas viaxes musicais propostas.
      
     Aire é un traballo imprescindible para seguir soñando en liberdade. Contén, ademais,  un DVD karaoke.
     
     Como podedes comprobar, non lle falta nada. Parabéns.


                                                                                                       
                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO