miércoles, 21 de septiembre de 2016

"SER MESTRE", SEGUNDO A OPINIÓN DE EMILIO LLEDÓ

Con Mercedes Zas Rey en Santiago



                                                                                      Para Alba, que ten claro o que é ser unha boa mestra.

Un sempre se preguntou como debía ser a actitude dun mestre ou mestra na escola. Como debía comportarse diante de moitos ollos dispostos a espir todo o que os rodea. Como chegar a ter a sensación do traballo ben feito. Como enfocar os seus coñecementos para que fosen un punto de partida para o alumnado e non unha meta sen máis. Como….


     Despois de corenta anos dedicado a esta bendita profesión, estou xubilado (se é que un mestre se xubila algunha vez) e reflexiono sobre o que van recibir tantos milleiros de cativos no curso que comeza, sobre o que van ser quen de asimilar, de descubrir, de asumir.
     E penso se lles poñerán un libro axeitado nas mans, se o profesorado lerá algo máis que o curso pasado, se a poesía terá cabida no desenvolvemento das clases, se se falará dos libros en voz alta, se as humanidades terán un espazo amplo nas aulas ou seguiremos por canles afastadas do pensamento.


     Preguntas sen contestación. Reflexións que talvez  se disipen no acontecer dos días. Desexos que, probablemente, nunca chegarei a ver cumpridos. Ilusións dun mestre namorado da súa profesión e de tantos alumnos e alumnas que fixeron posible o pracer de ensinar.

     Estamos a primeiros de curso e no facebook detéñome diante dunha entrada marabillosa de Mercedes Zas Rey, unha muller encantadora, que vai abrindo os ollos a todo aquel que queira ler o que vai deixando na rede. E digo que é un encanto porque a coñecín en Santiago e fiquei prendado do seu entusiasmo e da súa intelixencia.
     Ben, pois animando os docentes e desexándolles un curso positivo deixou un texto marabilloso, lúcido e moi significativo dun home que admiro fondamente pola súa claridade de ideas, o seu progresismo e a súa maneira de conectar coa mocidade. Falo do filósofo Emilio Lledó, un sabio, un docente eximio, unha persoa excepcional.
     Do seu libro “Ser quien eres”, Mercedes tomou estas liñas, que non poden ser máis claras, sobre o que é para el un mestre.
 
Emilio Lledó
     Emocioneime, outra volta, co mestre e decidín compartilo con todas as persoas que seguen “Versos e aloumiños”, porque son esenciais para comprender que é e que non debe ser un/unha ensinante.

     Lédeo e reflexionade sobre o texto.
     E grazas, Mercedes, por poñelo no ceo dos que seguimos loitando por un ensino gratificante; un ensino que enriqueza; un ensino vivo e motivador.

                                                                       




"Un maestro no es aquel que explica, con mayor o menor claridad, conceptos estereotipados que siempre se podrán conocer mejor en un buen manual, sino aquel que transmite en la disciplina que profesa algo de sí mismo, de su personalidad intelectual, de su concepción del mundo y de la ciencia. Ser maestro equivale a decir abrir caminos, señalar rutas que el estudiante ha de caminar ya solo con su trabajo personal, animar proyectos, evitar pasos inútiles y, sobre todo, contagiar entusiasmo intelectual. "

                                                  
                                                                                           
                                                                                             EMILIO LLEDÓ