lunes, 23 de noviembre de 2015

"PAPEIS RECOBRADOS" (3) . "Lorca en galego".

 Foto de Anxo Cabada



                                        LORCA  EN  GALEGO

                                                                                       


Os que me coñecen, saben da miña debilidade por Lorca. Os que leron algo do que escribo, comprenderán a súa influencia sobre unha boa parte da miña poesía para os nenos. Máis alá do mito, hai un Lorca próximo que me interesa moito. Poliédrico na súa maneira de ser, as súas vivencias producen unha obra auténtica, variada e rica. Lin moito a Lorca e, tamén, moitísimo sobre el.

     

     Encántame a descrición da súa personalidade que fai o seu amigo, o diplomático chileno Carlos Morla Lynch. Tras falar da súa intelixencia, opina que Federico era exuberante, vibrátil, desordenado, efervescente; un volcán en constante erupción. Forza irrefreable de estoupidos violentos e inesperados. Con todo: o encanto dun neno grande, rebuldeiro e traste.

      
Carlos Morla Lynch


     Eu sempre o vin así. E isto vén a conto, porque me volvo atopar cos seus Seis poemas galegos preparando unha conferencia. Volve a min aquela alegría que me produciu saber que Lorca escribira na nosa lingua. Que queren! A min emociónanme estas cousas. Son un sentimental.

     Así que, despois de reivindicar  poetas galegos de todas as épocas e estilos para traballar nas aulas, propoño que se lean/traballen na escola estas pezas tan fermosas. 

   
    Estruturas sinxelas para imitar, musicalidade, emoción,  referencias a Rosalía e a posibilidade de acompañar todo isto cos poemas musicados por Luar na Lubre, César Morán, Amancio Prada ou Carlos Núñez. Un luxo. Que os rapaces se mergullen en versos coma estes: Déixame morrer no leito/ soñando con froles de ouro./ Nai: A lúa está bailando/ na Quintana dos mortos. Lorca en estado puro: fondura lírica que sacode os nosos sentimentos.


     Palabra de poeta.

              Publicado no semanario "A Nosa Terra".






                                                                       ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO