miércoles, 11 de noviembre de 2015

DOUS TEXTOS DE FRANCISCO CASTRO SOBRE A LITERATURA NAS AULAS




     Literatura e escola. Literatura nas aulas. Literatura asasinada.
     Didáctica que afasta as obras literarias do alumnado.
     A xente le pouco. Mesmo os escritores e docentes están por debaixo do listón se de nivel lector falamos.
     Lectura obrigatoria. Lectura que se prescribe sen ler os libros. Pais e nais que non están polo labor. Que argumentan que os libros son caros. E como oín non hai moito “libros, mercar libros. Unha vez lidos non valen para nada” (unha nai, dixit).
     Para quen escriben os escritores e as escritoras en realidade?
     Milleiros de preguntas que están no aire e que non atopan respostas.


     Manuel Veiga escribiu, non hai moito tempo, un artigo que tivo moito éxito en Versos e aloumiños. Gustou o fondo e a reflexión que levaba implícita.
     
     Agora, Francisco Castro editor, escritor e ex docente, reflexiona nestes dous textos (que xa apareceron no seu blog “A canción do náufrago”) sobre a difícil, e ao tempo apaixonante, relación entre a literatura e a súa presenza nas aulas.

     Un pracer poder seguir reflexionando sobre o tema con textos tan interesantes coma estes.

Francisco Castro  (Foto de Bernard Betancourt)



Leamos os dous textos de Francisco Castro e tiremos conclusións.

                                                                               I

       
       Queremos que non lean? Daquela, obsesionémonos con que “aprendan literatura”.       
     Falei disto hai un par de semanas no encontro sobre o Ensino da Literatura no Consello da Cultura Galega. Preocupados porque saiban citar obras, datas, correntes, atopar sinalefas, contar sílabas e aprobar exames de “comprobación lectora”, identifican Literatura con Matemáticas ou Historia ou calquera outra cousa (sexa dito con todos os respectos) nos que haxa que chapar, repetir coma monas, aprobar, e logo esquecer.
          Queremos que non lean? Daquela preocupémonos porque adquiran “formación literaria”. Obriguémoslles a ler o que a nós nos gusta ou gustou. Metámoslle, a presión se é preciso, o canon da Gran Literatura Mundial. Desprecemos best-sellers, libros de moda e sagas triunfantes no momento. Poñámonos excelsos.  

     

     
      Queremos que lean? Deixémoslles escoller. Ceibes pola biblioteca. Acompañémolos. Que vaian formando, coa nosa guía, discreta, distante pero firme, o seu gusto. Aconsellemos, suxiramos, digamos o que nos parece se nos preguntan. Leamos con eles na cama cando se deitan. Leamos en silencio cos máis grandes coa tele apagada. Falemos de historias e de aventuras, máis que de libros.

     E que eles vaian gobernando, tamén neste ámbito, a súa vida.

     


                                                                 II

     Vaia por diante que nestes anos atopei, atopo e estou certo que atoparei, ducias de profesoras e profesores de literatura exemplares no seu traballo, pola paixón que demostran, polo conscientes que son do difícil do seu traballo, sobre todo nestes tempos nos que teñen todo en contra.
     Iso vaia por diante. Admíroos, admíroas. Aprendo delas e deles todos os días. E, como digo sempre, se son lector, en boa medida é grazas a dous profesores, un na EXB e outro no BUP que souberon alimentar aquel neno melancólico e retraído que eu era de libros preñados de historias que me fixeron soñar, de poemas que lle aprenderon a latir mellor ao meu corazón famento de vida.


     Dito isto, cómpre que insistamos na necesidade de lle dar unha volta ao ensino da literatura. E vouno dicir directamente e sen concesións: hai que abandonar, de vez, esa idea didáctica (?) de seguir aplicando un sistema que se basea, no básico (por redundar) na repetición por parte do docente dunha serie de coñecementos (?) en voz alta diante dunha rapazada á quen, a priori, non lle teñen por que interesar o máis mínimo todos eses datos que teñen que memorizar para logo cuspir nun papel e logo esquecer (ademais, na era da Wikipedia iso xa non ten sentido ningún).

     A literatura, quero dicir, a Literatura, así, non se pode aprender.