viernes, 2 de octubre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS (45 b). X. H. Rivadulla Corcón.


Poucas veces me sentín tan a gusto nun programa de radio, falando de literatura, escoitando boa música, como n´A casa do vagabundo, que dirixía X. H. Rivadulla Corcón. E, precisamente,  por ser el quen o dirixía  todos os que por alí pasabamos sentiámonos  felices.
     Porque Rivadulla Corcón, escritor, activista cultural, guionista, autor dramático e unha chea de cousas máis, comprendía e respectaba os convidados e creaba un ambiente ben agradable.
X.H. Rivadulla Corcón

     Rivadulla Corcón ama a literatura. Cre na palabra literaria e sente paixón polo mar e pola poesía. Esa paixón polo mar nótase ben claramente na súa obra que, en boa parte, está relacionada cos temas mariños. Non hai máis que ver os títulos dos seus libros para entendelo perfectamente.
    Taberna á deriva, O adeus do vello mariñeiro e Camiño ao mar son tres poemarios que demostran o que digo. Praia na noite e Salitre son dúas pezas teatrais da súa autoría.
    
     Cando escribe para os nenos, títulos excelentes da súa bibliografía son, entre outros, Os piratas da Illa Esperanza, Amar unha serea ou Soños de mar. Está claro, non si? Sen esquecer, xa que logo, a súa obra narrativa, Do mar e a noite, publicada por Ir Indo no ano 2001.
     Ler a X. H. Rivadulla Corcón é unha delicia. Escribe co corazón, cre no que escribe e enche de poesía todo aquilo que realiza.
     Ademais da súa categoría coma escritor, posúe unha categoría humana excepcional, polo que non nos debe estrañar o texto co que nos agasallou para esta sección. Xosé Henrique escribe para facer amigos.Explícao moi ben nestas liñas cheas de calor humana.

     Versos e aloumiños séntese ben honrado de publicar o artigo que tedes a continuación.

     Gozádeo.


Co seu avó en Muxía cando tiña catro anos.



      LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, AMIZADE E POESÍA 



Doume hoxe por preguntarme porqué escribo literatura infantil e xuvenil. E certo é que non todo o que se fai ten que ter unha explicación. Pero agora mesmo doume por querer sabelo.

     Sempre dixen que en xeral o motivo meu para escribir era para ter amigos. Ser escritor, escribir e publicar axúdame a ter amigos. Moitos dos meus amigos son escritores, e outros que non o son chegaron a min ou eu cheguei a eles polo feito de ser escritor. Coincidín con eles e coñecinos a través da escrita. Así que conclúo que ser escritor é bo para min porque ter amigos é unha das mellores cousas que poden pasar. A min gústame tamén a soidade, pero os meus amigos son moi amables e permítenme apartarme á soidade cando o preciso.
     
Diante da casa de Uxío Novoneyra en Parada do Courel
     A literatura infantil e xuvenil facilítame a vantaxe de ter uns amigos moi peculiares, os nenos e nenas. E non falo de que sexan amigos meus nenos e nenas anónimos que len os meus libros sen eu coñecelos, trátanse de lectores queridos, pero realmente non son amigos. A literatura infantil e xuvenil permíteme visitar colexios e institutos, e alí coñecer a moitos nenos e nenas, e na miña terra, Muxía, coñezo a pequenos e pequenas que len os meus libros, e algúns amigos adultos aconsellan aos seus fillos a lectura dalgún libro meu, e eu sempre que podo lles regalo algún libro.
     
     Así que por diferentes camiños coñezo a eses seres pequenos cheos de ideas e visións do mundo fantásticas que se comportan como amigos meus, porque o son. E todos os que teñades amigos e amigas de curta idade comprenderedes o bos amigos, sinceros e verdadeiros que son. Así que mentres os editores o permitan seguirei escribindo e intentando publicar literatura infantil e xuvenil. Non quero deixar de ter amigos imaxinativos e moi divertidos.
    
No faro de Fisterra
     Hai outro aspecto que me interesa moito da literatura infantil e xuvenil, máis propiamente da infantil, que me resulta moi suxestivo. O xénero literario que mais me interesa, como lector e como escritor, é a poesía, e atopo que a metodoloxía que podo empregar para imaxinar as historias infantís e logo escribilas é próxima á poética. Porque é moi libre, permite xogar con conceptos oníricos, e penetrar en territorios fantástico, ademais de ser textos con certa brevidade, que por esta cuestión se poden escribir coa mesma intensidade creativa que a propia poesía. E os lectores de curta idade parécense aos lectores de poesía de calquera idade, buscan sentir máis que buscar unha comprensión analítica do texto, e  a coherencia propia do texto tanto na poesía como na literatura infantil pode responder máis a unha coherencia nacida do propio texto, que externa, e os lectores de poesía e os nenos e nenas saben gozar con esta coherencia que só responde as coordenadas do propio texto.

     E xa que a poesía anda tan desprestixiada entre editores, que non entre lectores, aínda que os editores argumenten isto último para xustificar a súa negativa á edición de poesía. Coa literatura infantil dalgún xeito sigo editando poesía, aínda que disfrazada de narrativa.   

     
     Así que vaia! descubrín para min mesmo e para quen queira lelo porque a literatura infantil e xuvenil dáme tantas satisfaccións íntimas. A busca da amizade e a visión poética son os meus motivos para escribir literatura infantil. 

                                                                                                          X. H. RIVADULLA  CORCÓN



                         
No porto de Ribadeo durante a gravación do programa "Salitre" para a TVG