viernes, 18 de septiembre de 2015

TRES LIBROS DA COLECCIÓN "ÁRBORE" DA EDITORIAL GALAXIA, QUE CONVÉN COÑECER NESTAS DATAS.




A colección Árbore  (tan querida para min) da Editorial Galaxia continúa con paso firme a súa andaina dentro do panorama da LIX galega.
     Un sempre está a agardar a saída de novos libros da colección, porque achegan moito aos lectores dende diversos puntos de vista.

     E agora que comeza o curso, os mestres e mestras deben ir tomando nota para que as boas lecturas estean presentes nas aulas.
     Tres son as novidades de Árbore que queremos salientar hoxe.

     

     Para lectores de 8 anos en diante, temos un fermoso libro de Enric  Lluch, Almas de algodón, traducido do valenciano ao galego de xeito magnífico por María Dolores Villanueva Gesteira.
     
     Nel atopamos a Carlos, un neno con discapacidade intelectual, a quen os seus pais, os mestres e os amigos intentarán facilitarlle a integración. Non vai ser fácil ata que aparece a figura dun vello misterioso, Tobías, que , a través da maxia e da imaxinación , fará que todo sexa máis doado para o rapaz.
     
     Un libro de literatura, que expresa uns valores determinados , nunca de maneira artificial. As realidades diversas que poboan a nosa sociedade son utilizadas na literatura, demasiadas veces, de maneira insubstancial, ben afastadas do obxectivo fundamental dunha obra literaria: que esteticamente sexa interesante, que estea ben escrita e, en definitiva, que sexa LITERATURA. E isto sábeo ben o autor que convida a reflexionar sobre moitos temas: a integración, a non discriminación, a imaxinación para saber como enfrontarse ao mundo, a función da familia etc. Mais non o esquezamos: todo isto será perfecto se, por riba de todo, notamos que o literario debe prevalecer sobre o demais. Enric Lluch teno claro e permítenos gozar dunha historia ben fermosa.
     
     Emocionante a proposta de Tobías cando invita a ler cos ollos pechados. Poética e imaxinativa.
    
     E non esquezamos a obriga de valorar e entender nos demais (e en nós mesmos) as virtudes e limitacións que todos temos. Algo que queda moi ben reflectido neste precioso libro.

     



     A partir dos 10 anos, atopamos outro libro altamente recomendable: O becho que quería comer á avoa, de Rocío Leira.
     
     Sempre gustei das historias , por outra banda tan comúns na LIX, que contan a relación dos nenos cos avós ou avoas. Ademais, son homenaxes merecidas a esas persoas que nos últimos anos tanto loitaron por levar adiante a familia en condicións moi difíciles.
     
     Rocío Leira cóntanos a historia de Sara, unha nena que adora á avoa, que mantén con ela unha relación tenra, aberta e chea de afecto. Son felices xuntas. Gozan das pequenas cousas da vida. Pero un día as cousas comezan a cambiar: semella que un becho quere comer a boa muller.  A tranquilidade altérase, aparece a preocupación na casa e a nena está desconcertada.


-          Pásache algo, avoíña?  Por que non me fas cóxegas?  Por que non ris?
Eu collinlle os beizos e estriqueillos para arriba, pero a avoa non se movía. E logo comezaron a caerlle babas polos beizos, coma se fose escuma…

   
     Un relato dun tenrura extraordinaria, escrito con sinxeleza, que nos presenta a enfermidade e a posterior perda dun ser querido dun xeito literario, con delicadeza, con naturalidade. A morte, tema tabú non hai moito tempo, xa se comeza a contar nos libros de lectura. A morte, un feito moi próximo aos seres humanos,  que a LIX xa incorporou aos variadísimos temas que nela se tocan. Libro moi recomendable.

      


      E tamén para lectores de 10 anos en diante, aparece o libro O álbum de Garrincha, da escritora coruñesa Beatriz Maceda Abeleira. Un libro que fai do fútbol unha razón para enfrontarse a unha sociedade hostil e que pode servir moi ben para entender o mundo no que vivimos.
    
     O álbum de Garrincha conta a historia dun neno que chega a Galicia procedente do Brasil, porque os seus pais herdan unha casa e queren ofrecerlle unha vida con mellor futuro. João, o protagonista, deixa atrás as súas vivencias americanas: as favelas, as excursións ao mato Grosso co seu avó, os partidos do Botafogo…e terá que asumir a nova realidade, algo que non vai ser sinxelo. Pelexas, problemas cos compañeiros, a dificultade de facer amigos non farán doada a integración.
     
     Nesta difícil situación aparecerá o fútbol para aliviar os problemas. Con Garrincha coma ídolo e tras ser convidado a entrar nun equipo local coñecerá a Xabi, que se converterá no seu amigo e con el dará un xiro enorme na súa existencia.
     
Este foi Garrincha, un futbolista cunha historia dramática.
     Aos que nos gusta o fútbol e, ao tempo, desgústanos moitas das cosas que o rodean, esta historia énos moi interesante. Porque, co fútbol polo medio, e deixando a un lado as banalidades que contén, podemos atopar a camaradería entre mozos e mozas, ademais  de valores coma a superación polo esforzo, a xenerosidade, a forza para vencer adversidades tanto físicas coma psicolóxicas, é dicir, o fútbol, coma escola de vida que tamén o é.
     
     Un álbum de recortes do seu pai trae á vida de João a Garrincha, un futbolista brasileiro, mítico, cunha capacidade inmensa para superar as eivas físicas que tiña. Garrincha suporá para el a ollada ás súas raíces e a lembranza do xogador vaino axudar a vencer moitos obstáculos.
     
     Unha historia que se le con gusto, que anima a pensar e a considerar o ser humano como un suxeito capaz de superar os problemas e relacionarse cos que o rodean, se se lle achegan referencias sólidas.

     Tres propostas literarias, estas de Árbore, que se deben ter en conta á hora de pensar en lecturas para os nenos e nenas que comezan un novo curso.


                                                                                                         
Ilustración de Laura Beleiro para "O álbum de Garrincha".



                                                                                                                        ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO