domingo, 3 de mayo de 2015

A OBRA DE CELSO EMILIO FERREIRO EN GEORGIA E KENTUCKY

Hai uns meses recibín unha bolsa duns poucos dólares da universidade na que traballo, a University of Tennessee at Martin, para iniciar un proxecto sobre a obra do poeta galego Celso Emilio Ferreiro, e como parte do contrato polos cartos que percibín, comprometinme a preparar dous traballos sobre dous dos libros distintos do celanovés para seren presentados en dúas conferencias académicas interestatais. Ambos os dous congresos tiveron lugar no espazo das últimas catro semanas, e fiquei moi satisfeito coa acollida que as miñas dúas ponencias recibiron en ambas ocasións, pois a miña intención con estes traballos críticos sobre textos de CEF é simplemente dar a coñecer a súa obra nun eido, o do hispanismo norteamericano, onde a literatura galega en xeral é francamente descoñecida.


Vista da cidade de Savannah, Georgia
O primeiro dos congresos celébrase cada ano na fermosa e elegante cidade costeira de Savannah, no estado de Georgia, e ten por nome a Southeastern Coastal Conference on Languages and Literatures. No marco desta conferencia presentei un traballo sobre a representación da violencia n'A fronteira infinda (1972), e sobre o papel que esta ten na idea de emigración que CEF reflicte na súa colección de contos. É esta unha das poucas obras narrativas do celanovés, pertencente a unha parte da súa produción literaria, a narrativa, que a crítica ten esquecido sistematicamente. Os relatos (pois así gustaba o autor de chamalos), malia estaren ambientados en Latinoamérica, onde CEF os escribiu durante o seu exilio venezolano, teñen un carácter universalista e o que neles se narra pode facerse extensivo a todas as situacións nas que existe a opresión e a violencia contra os máis febles. N'A fronteira infinda, CEF verque as súas críticas contra os emigrantes galegos en Latinoamérica que reproducen nas súas institucións as prácticas represivas do franquismo, e que o de Celanova houbo de sufrir na súa relación coa Hermandad Gallega de Caracas.


A presentación foi ben acollida polos asistentes á conferencia, e un deles, un profesor portugués dunha universidade de South Carolina, mesmo se achegou a falar comigo tras rematar a miña ponencia, e dixo que lle entraran ganas de ler algunhas das obras de CEF tras escoitar a miña intervención. Esa é sempre a mellor resposta que un pode obter neste tipo de situacións, así que cando voltei á miña casa en Martin, Tennessee, merquei un exemplar de Longa noite de pedra e envieillo. Dende un punto de vista persoal, a visita a Savannah foi interesante, pois alí naceu o meu admirado cantante e letrista Johnny Mercer, cuxos restos reposan no fermoso (se é que así se pode describir un cemiterio) Bonaventure Cemetery desa cidade.


En Lexington despois da presentación
O segundo destes congresos tivo lugar o pasado venres na non menos elegante cidade de Lexington, no estado de Kentucky, capital do mundo dos cabalos e coñecida polo Kentucky Derby que alí vai celebrarse dentro duns poucos días. A conferencia era a Kentucky Foreign Language Conference, unha das máis importantes do país no que á lingua e á literatura estranxeiras se refire. Alí presentei un traballo sobre o autoexilio e a idea de emigración que CEF articula na súa Viaxe ao país dos ananos, unha obra satírica que ofrece unha visión da emigración como solución aos problemas sociopolíticos de Galicia e España no tardofranquismo completamente desmitificada e desmitificadora. Nos versos desta Viaxe, o poeta, a través do alter ego de Gulliver Ferreiro, clara alusión aos Gulliver's Travels de Jonathan Swift, fai unha crítica feroz a certos sectores reaccionarios da emigración galega a Venezuela, versificando a destrución da idea utópica de emigración que profesaba antes da súa propia experiencia emigratoria.




Neste congreso compartín sesión co meu amigo Pablo Martínez, da Kansas State University, que falou duns recentes poemas online de Luis Antonio de Villena e cunha profesora canaria que se ocupou duns aspectos do Diario de un poeta reciencasado de Juan Ramón Jiménez. A miña presentación ferreiriana suscitou unha interesante conversa durante a rolda de preguntas, o que proba que a obra de CEF sigue ben viva no século XXI, máis de tres décadas despois do falecemento do gran escritor celanovés.




                                                                                      ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ