martes, 21 de octubre de 2014

VIAXANDO NO TREN DE MARÍA FUMAÇA


San Xoán pequeniño. María Fumaça na Coruña.


        Poucos proxectos literario-musicais hai nesta terra que me conmovan máis ca o de María Fumaça.


    

      Poucos proxectos hai nesta nosa terra (e mesmo máis alá do Padornelo) que posúan o espírito de María Fumaça. Un espírito solidario nun marco de alegría, de música, de cancións, de participación artística e de calidade.

    
Na Feira do Libro de Vigo
     Quen viron actuar ao colectivo saben do que falo.

    

     Todos aqueles e aquelas que cantan as súas cancións, que bailan coa súa música, que miran aos ollos os / as intérpretes cando actúan, comprenden axiña a autenticidade e o agarimo que cada xesto, cada movemento, cada baile desprende.

    

     Tras a saída do seu último traballo, Xiqui, Xoque, Fiú, Fiú!, Versos e aloumiños xa non quixo perder a oportunidade de que María Fumaça tivese o protagonismo que merece.

     

     Anteriormentre falamos deles, pero nós queriamos que se coñecese a fondo este proxecto. Por iso, pedímoslles que fosen eles mesmos quen nos contasen a súa historia. Esa historia entrañable arredor de Ruí. Pura emoción humana e artística. Que non se nos esqueza: a calidade da súa obra resulta evidente e o seu poder de atracción é imposible de explicar.

      

     Se ledes estas liñas fantásticas que escribiron para nós, ou sexa, para vós, comprenderedes o que quero dicir. Porque, dígoo con sinceridade, son incapaz de expresar o que levo sentindo desque os coñezo.

    
     Grazas e parabéns, amigos e amigas do tren María Fumaça, polo labor que desenvolvedes no eido da música para os cativos, algo tan necesario que nunca se vos agradecerá demasiado. Nestes tempos de baleiro ideolóxico, de tristeza, de eivas sociais e humanas, de comportamentos egoístas e inxustos, sodes absolutamente imprescindibles. Que o tren se deteña en todas as estacións posibles, pero que non deixe de transitar polos nosos sentimentos endexamais.

    

     Versos e aloumiños pon un traxe especial de festa para recibirvos como merecedes.



 
No Auditorio Municipal de Vigo




MARIA FUMAÇA


María Fumaça, que é como se denomina o tren de vapor no interior de Brasil, é o nome que escollemos para este proxecto familiar e de amigos.

Decidimos gravar cada Nadal un feixe de cancións co obxectivo de  facer un agasallo a Rui, que padece unha discapacidade,  para estimular a súa inclusión a través da música nunha xornada na que íamos construíndo un universo sonoro e afectivo no que Ruí é o eixo principal.

Máis isto non ten lugar nun típico estudio profesional, senón na sala da súa casa do Amieirolongo que se converte nun espazo lúdico, festivo e de intercambio de sensibilidades artísticas vencelladas ao mundo da canción infantil.

Despois de sete edicións deste humilde produto totalmente artesanal, conseguimos reunir setenta cancións para todos os gustos e idades que foron xurdindo dun xeito natural coa única pretensión de conservalas no  noso ámbito máis próximo.



Algunhas carátulas  das sucesivas edicións de  María Fumaça.
























     O repertorio de Maria Fumaça abrangue un amplo abano de cancións, algunhas certamente moi populares e outras de nova creación. O noso corazón bateu a ritmo de forró, de vira miñoto, muiñeira, rumba, samba, hip hop, rock e todos os xéneros imaxinábeis.

Para participar e facer o percorrido so houbo que levar un paquetiño de bo humor, cancións-lambetadas, auguiña fresca por se apreta a sede e unha boa dose de espíritu de aventura para subir vales e montañas a paso lento e sen destino certo. Vivimos cada nova viaxe con moita alegría, e coa colaboración xenerosa de tod@s nas diferentes expedicións ás que se foron sumando caras novas e outras xa habituais.

     
    
Unha das súas múltiples actuacións
 
Na concepción musical e arranxos contamos habitualmente coa madriña de Ruí, Uxía e coa guitarra e o cavaquinho do ‘brasilego’SérgioTannus que nos brinda sempre unha base musical de luxo. Tatán saca o acordeón e as súas dotes interpretativas, ao igual que Andrés (ambos de Tanxarina Títeres).  As tías Ana, Raquel e Pablo (SondeSeu, Malvela), as primas María, Nuria, mamá Chus e  papá Manuel compoñen, tocan e cantan. Isaac Palacín, o noso técnico-amigo, guíanos como sempre, con infinita paciencia e sabedoría pola senda dun son fresco e dinámico. Dende o Barco, Magín Blanco trae  a súa desbordante imaxinación e  músicas inéditas feitas expresamente para Rui. O prestixioso deseñador gráfico e ilustrador  P. Pastor  aporta o seu oficio para reflexar en imaxes o ambiente e a nosa intención orixinaria. Amigos como Blanqui, os do Cuartel, os saharauis Tutu, Dunia e Ali, Denís, o avó Sío, Lilian França, Fred Martins, Isabel Leal e outros moitos, cada un  coa súa función,  comparten con nós a ilusión de por a nosa locomotora a andar. O combustible: as lentellas de Fita e a súa voz.






     E Rui, sempre  presente, brindándonos o  mellor momento do día, cantando como solista sinfonías vocais extraordinarias que lembran o son máxico da linguaxe das baleas.



     E así  ano a ano, edición tras edición, fomos sabendo da súa boa acollida por parte de pais e nais, educadores e rapaces. A través do boca a boca, dos blogues de centros escolares, das bibliotecas, das asociación culturais, o fume da nosa locomotora foise  espallando e chegando a xente que nin imaxinabamos, tanto de aquí como de outras comunidades e países.

Foi entón cando pensamos que compartir o noso proxecto  en forma de escolma a través dunha editorial coma Galaxia sería unha boa maneira de espallar polo mundo a alegría desta reunión musical sen precedentes.

 
María Fumaça gravando.

     E así foi como no ano 2012 publícase “María Fumaça. Cantar e bailar para ser máis feliz!!!” e neste  2014  “Xiqui Xoque Fiú Fiú”.

A súa presentación polas diferentes feiras do libro, salas e auditorios  de toda Galicia é realmente emocionante. A familia María Fumaça –cada vez somos máis!- enchemos de cor e de festa cada  escenario ao que subimos. E tratamos de contaxiar a todo aquel que nos escoita a alegría de vivir, de compartir, de incluir, de ver cantar a pais ,nais e fillos cunha soa voz e … en galego!.


A familia María Fumaça.



     E para rematar, escoitamos a canción Xa son maior, grazas á amabilidade desta entrañable familia e ao esforzo de Mari Carmen Barciela, quen se tomou un enorme interese para que estas liñas vexan a luz no noso blog-revista.

Grazas a todos. 


                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO