domingo, 3 de agosto de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( XIV ) . JOHNNY WINTER



Hai só uns días faleceu Johnny Winter aos setenta anos de idade, e con el foise un xeito moi persoal de entender e fusionar o blues e o rock. Con el foise o son potente dunha guitarra que bebeu na música negra pero que non buscou converterse nunha simple imitación dos grandes bluesmen que o precederon. Como o mesmo Winter lle dixo ao xornalista Marc Myers nunha ocasión, "eu tentaba tocar coma Muddy Waters e outros músicos do delta do Mississippi, pero tiña o meu propio estilo e non copiaba a ninguén. Comprendín ben cedo que o que diferenciaba a cada músico de blues non era a súa música, senón o seu sentimento". E este foi un credo que Winter endexamais esqueceu, adoptando o sentimento do blues máis puro pero transformándoo ao seu gusto cos ritmos rockeiros que tan ben coñecía e que dende sempre estiveron presentes na súa música. Winter morreu en Europa, onde andaba de xira, e con el vaise unha das grandes figuras do século XX no eido da música popular. Unha figura anovadora, si, pero quizais non tan recoñecida como a calidade da súa obra gravada merece.


Winter naceu—como non?—no estado de Mississippi en 1944, pero a súa familia mudouse axiña a Beaumont, en Texas, cidade dende sempre moi activa musicalmente, lugar no que conviven diversos estilos, e sen dúbida, a terra perfecta para que xermolase esa música híbrida pola que Winter sempre será lembrado. O seu irmán Edgar, que era albino coma el, compartiu a afección do pequeno Johnny pola música, e mentres Johnny se interesou pola guitarra, Edgar se decantou polo saxo e os teclados. Xa en 1959 gravaron un single, primeiro dunha serie de discos publicados por pequenos selos independentes ao longo dunha boa parte dos anos sesenta, ata que en 1968 a mestura de blues e rock que Johnny escoitaba no seu maxín había tempo cristalizou no seu disco The Progressive Blues Experiment, rexistrado en formación de trío, con Tommy Shannon ao baixo e John Turner á batería. O elepé, editado tamén por unha discográfica independente, levaría a Winter a asinar con Columbia, dando paso así ao seu período de meirande éxito. Os sete discos que sacou entre 1969 e mediados dos anos setenta cóntanse entre os máis influentes dunha época inzada de traballos memorables e innovacións importantes dentro do rock. A aportación de Winter consistiu nunha síntese case perfecta de rock e blues, con ocasionais toques de rockabilly, marcada polos seus solos de guitarra de inesgotable imaxinación e impresionante velocidade, unha música auténtica que amosa a reverencia que Winter sentía polos pioneiros de ambos estilos. Como xa vimos, Johnny non copiaba, senón que fundía tradicións, modernizándoas pero sen perder de vista as raíces.


Johnny Winter con James Cotton (esquerda) e Muddy Waters (dereita)

Tamén en 1969, Winter deixouse caer polo festival de Woodstock, e dous anos despois publicou un dos seus discos que máis éxito obtiveron: Live Johnny Winter And, cunha banda que incluía a Rick Derringer á guitarra, Randy Jo Hobbs ao baixo e Randy Z á batería. Pero o bo rumbo que levaba a súa carreira a comezos dos setenta daría axiña un xiro negativo debido aos problemas persoais que Winter atravesaba, especialmente a súa adicción á heroína que provocou que tivese que tomarse máis dun descanso para tentar desintoxicarse. Iso si, os discos que editou trala súa volta aos escenarios en 1973 seguiron a ser ben recibidos polo público, e algúns deles inclúen temas escritos para Winter por John Lennon, Mick Jagger e Keith Richards, entre outros. A música de Winter nestes álbums destila influencias de todo tipo, pero sobre todo semellan evidentes as pegadas de clásicos coma B.B. King, Chuck Berry e Muddy Waters. Precisamente foi este último quen fixo que Johnny se interesase por outra actividade na que acadou un éxito notable: a de produtor. Comezando en 1977, Winter produciu catro discos de Muddy Waters para Blue Sky, unha subsidiaria de Columbia, e os dous primeiros (Hard Again e I'm Ready) gañaron sendos Grammys. Posteriormente, Johnny sinalaría estes catro elepés co lexendario bluesman, facendo gala da humildade que sempre o caracterizou, coma o mellor traballo da súa carreira. Pola contra, os discos que gravou coa súa banda cara a finais da década non responderon ás expectativas de vendas de Columbia, e polo tanto Winter pasou a meirande parte dos anos oitenta e noventa traballando para compañías independentes coma Alligator ou Voyager e concentrándose en tocar en vivo, o que non representou problema ningún para el, xa que sempre se sentiu máis relaxado encol dun escenario ca no estudio de gravación.


Aínda que os sete elepés que rexistrou para Columbia entre 1969 e 1974 (entre eles Johnny Winter, Still Alive and Well, Saints & Sinners e John Dawson Winter III) son moi recomendables, o que resulta realmente imprescindible é Second Winter, de 1969, o segundo disco que gravou para o selo, porque nel aparece con forza e por primeira vez ese estilo inconfundible que é marca da casa de Johnny Winter. Neste disco co seu trío primixenio podemos escoitar ese irresistible estilo mestizo de blues e rock comandado pola forza da súa guitarra en temas orixinais coma "Hustled Down in Texas", "I'm Not Sure" e "Fast Life Rider", ademais de rastrear as súas influencias en clásicos dos anos cincuenta coma "Slippin' and Slidin'", "Miss Ann", "Johnny B. Goode" e o "Memory Pain" de Percy Mayfield que abre o vinilo. Por outra banda, Winter asimila ao seu son o folk-rock dylaniano na súa excelente versión do "Highway 61 Revisited" do mestre de Duluth. Reeditado por Columbia/Legacy en 2008 nun CD dobre que contén tamén un concerto de abril de 1970 no Royal Albert Hall de Londres, trátase, en fin, dun álbum verdadeiramente redondo que debe explorar quen desexe saber quén é Johnny Winter. Agardo ter respondido nesta descuberta a esa pregunta—"Quen é Johnny Winter?"—, pero particularmente agora que xa non está connosco, o mellor xeito de respondela é escoitar o seu legado musical, obra dun home inquedo, un mago da guitarra que ten un lugar de seu entre aqueles selectos nomes do blues que enriqueceron o estilo ollando cara ao futuro sen esquecer o pasado.

Para rematar, o mellor tributo a Johnny Winter é poder observar o noso home en acción. Xa que logo, este breve concerto en Copenhague no ano 1970, co seu trío, dános a oportunidade de ver a Winter sobre o escenario, co sentimento e a elegancia á guitarra que están sempre presentes nas súas mellores aparicións perante o público. Gozade con el nestes vinte e tantos minutos cheos de blues de indubidable calidade.




                                       ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ