jueves, 26 de junio de 2014

O ESPÍRITO DE "VERSOS E ALOUMIÑOS" VAI SEGUIR ABRINDO CAMIÑOS.



       Versos e aloumiños segue cara a diante.
         Dúas veces finalista como mellor blog literario, segundo a votación dos integrantes da AELGA (Asociación de Escritores en Lingua Galega), en 2013 e 2014. Algo que aquí non nos planteamos endexamais, cando isto comezou a rolar.

               Versos e aloumiños non é un blog ao uso. Nel non hai extensión específica, nin tenta dar novas, nin ten pretensión ningunha. Ben, a pretensión é, unicamente, a de abrir canles de comunicación literaria e artística  a todos aqueles que lles apeteza seguilas e aportar aos lectores e lectoras puntos de vista que empurren a pensar.

Antón García Fernández, creador do blog-revista.
        
       En V e A, intentamos que haxa creación, artigos de fondo que sexan atemporais, que as persoas poidan expresar ideas artísticas, pedagóxicas, innovadoras que cheguen ao profesorado, á familia, ás bibliotecarias e bibliotecarios etc. Todo isto co obxectivo de que todos melloremos nos nosos respectivos campos que boa falta nos fai, dado o tempo que estamos a vivir.

        

       V e A ábrese á literatura principalmente, sen saber de linguas  (aínda que o galego prevalece dun xeito nidio), pero tamén se abre á música de diversos xéneros, á pintura, á fotografía etc. En V e A queremos abrir fiestras para que entren poemas, textos literarios, reflexións, mostras de arte, recomendacións, sempre cun ánimo positivo.

Javier Golvano

       Gústanos que se poidan coñecer escritores e escritoras de todas as latitudes. A cultura na súa maior extensión, libre, profunda e rica para non quedar, unicamente, na superficie ou nas limitacións de ningún tipo.

        
       En V e A, a LIX xoga un papel importante. E, sen dúbida, a POESÍA, ese xénero, fonte de emocións, tan abandonado coma necesario.


        
       Moitos preguntan por que non se permite escribir comentarios no blog. E, a verdade, non o podemos explicar dunha maneira  clara, pois ao longo das transformacións levadas a cabo en V e A, foi algo que quedou eliminado sen razón; algo que quedou no esquecemento sen máis.
        
       Agora estamos pensando en abrir a posibilidade de que queden      reflectidas as vosas opinións se o considerades oportuno.
        
       E todo isto veu a conto, porque o grande escritor e mellor persoa, Francisco X. Fernández Naval, me escribiu  un correo moi cariñoso para expresar o seu sentimento diante dalgunha entrada, coa idea de que o publicase no blog se nos parecía ben.
        
       
       Tamén An Alfaya, con quen me une unha entrañable amizade,me enviou unha mensaxe ao móbil, para expresar nunha liña o que lle parecera a aventura do can Can.
An Alfaya
         
       Escribo aquí o correo de Fernández Naval e a liña de An.
        
       Grazas, amigos, por estardes tan preto do noso espírito.


Fermosa a historia do can de pana que agora vive 
 feliz entre o balcón e os libros.
 
 Marabillosa a poesía de Ana María  Fernández e os textos de Xoán Babarro.

Aberto e feliz o horizonte que se ofrece dende a túa  fiestra.

Grazas, Antonio. 

Chisco Fernández Naval

        
 
Juan C. Martín Ramos

       
       E este é o sms que, con tanto cariño, recibín de An Alfaya.

    Un bico polo teu tenro escrito sobre o can Can.

        
A man da muller que me ama

       E para poñer punto final a esta mensaxe de Versos e aloumiños  aos seus lectores e lectoras, nada mellor que dous poemas do propio Fernández Naval, escollidos do seu excepcional libro, Mar de Lira.



F. X. Fernández Naval, (Foto de Maribel Longueira)
COCA

Dirán que seca o mar,
pero é mentira,
que o mar non seca nunca,
o mar dorme e espera.





COUSA INNOMBRABLE

Ó cabo,
todo é silencio,
todo e despois ou antes,
agás ese balbordo constante
de areas e de crebas,
o fluído vaivén
dese alento que ondea
e non resiste
a friaxe larval
que se enquista nas córneas e non dorme.
Ó cabo
todo é abismo
e desmemoria,
coma se fosen días
de ferro
ou de tristura.




       E grazas, de corazón, a todos os nosos lectores e lectoras por valorar o esforzo que facemos por sermos diferentes.

       Sentimos que sempre estades aí.








                                                                                                                           Versos e aloumiños