sábado, 26 de abril de 2014

SESIÓN CONTINUA CON MARCELLO MASTROIANNI.





       
Ernst Lubitsch
A nosa sala de estar convértese na Sala Ernst Lubitsch as fins de semana.

       Si, leva o nome do gran director, fillo dun sastre xudeu, nacido en Alemaña en 1892, que levou a cabo unha extraordinaria carreira como realizador, lonxe do seu país natal, entre os anos 1932  e 1943, cuns filmes de sólidas estruturas, principalmente comedias.
      
         Que bo afeccionado ao cinema non lembra a extraordinaria sátira antinazi Ser ou non ser? Ou a xenial comedia sentimental O bazar das sorpresas? E Un ladrón na alcoba, Ninotchka, Unha muller para dous ou A oitava muller de Barba Azul, entre outras ?
      
         O creador do “toque Lubitsch” ten un lugar importante no meu corazón de cinéfilo e, de aí, que poñamos o seu nome a este lugar onde vemos magníficas películas os venres, sábados e festivos.
      
        Esta semana, tivemos “sesión continua”, rememorando os cines da miña infancia.
      
        E cun protagonista especial: Marcello Mastroianni. Ese home que comeza a estudar arquitectura, mentres actúa no teatro universitario e que é recluído polos nazis nun campo de concentración do que consegue fuxir.
     
Marcello Mastroianni
         Marcello Mastroianni comeza facendo papeis secundarios, pero da man de Visconti chega a se converter nun grande actor de teatro. Non tardará en chegar a ser unha estrela do cine europeo grazas aos seus traballos con directores tan sonados coma Mario Monicelli, Fellini, Antonioni, Pietro Germi, Zurlini ou Vittorio de Sica.
      
        Eu lembro con moito cariño a súa participación en películas como A grande enchenta, de Marco Ferreri e Unha xornada particular, de Ettore Escola.
      
        Cento cincuenta películas que fan de Mastroianni unha figura fundamental do cine de todos os tempos.
Nikita Mikhalkov
      
        Pois ben. A sesión comezou con Oci ciornie (Ollos negros) de Nikita Mikhalkov estreada en 1987.
   
Fotograma de "Ollos negros".
        A película, baseada en tres contos do gran Chejov, conta as aventuras e desventuras de Romano Patroni, un home de orixe humilde que remata a carreira de arquitectura e casa cunha rica herdeira e vaille contando a súa vida a un cabaleiro ruso a bordo dun barco. Con este traballo Marcello Mastroianni gañou o Premio de interpretación masculina en Cannes (1987) e o David di Donatello o mesmo ano. Un filme brillante, deliciosa evocación do máis profundo das emocións do ser humano. Cunhas imaxes preciosistas, a fita é tenra e tráxica ao mesmo tempo. Cine poético, coidado e cun Mastroianni con variados rexistros. Ben se nota o extraordinario actor de teatro que leva dentro. Conmovedora actuación a súa. Emocionounos de verdade.


      
Mario Monicelli
        A segunda película foi I compagni (Os camaradas) de Mario Monicelli, ano 1963). Película nominada ao Oscar como mellor guión orixinal e considerada no Festival de Mar de Plata como a mellor película estranxeira e nomeada, na mesma categoría, polo Círculo de Críticos de Nova York.
      
        Aquí, Mastroianni dá vida a un entrañable personaxe. o profesor Singaglia. Un home estraño, comprometido socialmente que leva aos obreiros dunha fábrica téxtil a unha folga. Estes homes, explotados, que sofren accidentes polo cansazo, que viven case na miseria, reivindican unha xornada de trece horas diarias, no canto das catorce que traballan. Unha redución laboral a finais do século XIX. Pero están confusos, divididos, teñen medo, non saben como orientar as protestas. Con momentos tráxicos e outros que parecen sainetes, os personaxes do filme representan as dúbidas, as eivas dos seres humanos. Hainos afoutos, covardes, ilusionados, dubitativos os máis. E o profesor Singaglia vai amosándolles o camiño da folga, o que conleva consecuencias de moi distinto signo.Maxistral, unha vez máis, a actuación de Mastroianni nunha película reivindicativa, dramática pero que non perde endexamais a luz da esperanza no futuro dos traballadores.
      
Fotograma de "Os camaradas".
        Cinema en estado puro. Un pracer para a vista e os sentimentos. Algo que consegue reconciliarte coa vida.
      
        Todo isto prodúcese na nosa Sala Lubitsch cada fin de semana e convértese nunha reivindicación das boas películas, esas que velas varias veces sempre che descobren algo do moito que levan gardado.


                                                                                                                                                      Antonio García Teijeiro