domingo, 13 de abril de 2014

POESÍA PARA TODOS NESTES LIBROS DA EDITORIAL KALANDRAKA



            Que a editorial Kalandraka é unha referencia indispensable no mundo da LIX tanto galega como a nivel do estado e, mesmo alén das nosas fronteiras non o discute ninguén.
           
                Que Kalandraka / Faktoría K de Libros ten un prestixio inmenso en todos os círculos literarios pola calidade das súas publicacións é algo incuestionable.

               Que aposta polos textos e polas ilustracións innovadoras, por autores e autoras con talento, por ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel resulta evidente e gratificante.

              Non hai ocasión, nas miñas viaxes literarias por España, na que, entre o profesorado, escritores amigos e demais, non saia o nome desta editora tan rompedora.

              O deseño dos seus libros, o gusto pola edición, a nómina de autores e autoras, ademais da recuperación de clásicos da LIX mundial (o gran Fernando Alonso será o próximo) fan de Kalandraka / Faktoría K de Libros unha editorial dun extraordinario prestixio.


           E canto lle agradezo a publicación de libros de poesía! Achega ao público clásicos da lírica universal na colección “Trece Lunas” (Nicolás Guillén, Fernando Pessoa, Miguel de Unamuno ou Gabriela Mistral), da poesía galega (Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro) e publica  gañadores/as do Premio Internacional “Ciudad de Orihuela” de poesía para nenos (“El secreto del oso hormiguero” de Beatriz Osés, “Ciudad Laberinto” de Pedro Mañas, “El idioma secreto” de Mª José Ferrada) e na colección “Orihuela” encontramos libros tan suxestivos coma “Almanaque musical” de Antonio Rubio, “O baile diminuto” de MªJosé Ferrada, ambos traducidos ao galego por Xosé Ballesteros, “De los álamos el viento” de Ramón García Mateos ou “Bululú” de Beatriz Giménez de Ory.


               Son libros, ademais, ilustrados de maneira moi fermosa e orixinal, que abren novos camiños de ilustración, nada convencionais e que crean un mundo paralelo ben interesante aos versos que acompañan. Libros ilustrados por Sole Poirot, David Pintor, Fernando Vicente, Zuzanna Celej, Mariona Cabassa, Miguel Ángel Díez etc.

              Teño enriba da miña mesa unha serie de libros que me emocionan. E moito.

              Engaiolado estou co gran Maurice Sendak, quen, por certo, vai centrar o plan editorial de Kalandraka ao longo do presente ano. Unha gran noticia para a todos os que, hai ben anos, gozamos cos seus títulos tan vangardistas e peculiares. A obra dun home que estaba convencido de que dar forma á fantasía de millóns de nenos era unha gran responsabilidade. Iso dicía a crítica e iso, estou seguro, tamén o sabía el.

                Quen non lembra o mítico “Donde viven los monstruos”? Un libro que tanto nos fixo gozar cun texto agudo, con moita forza, e cunhas ilustracións tan diferentes do que estabamos acostumados a ver/ler.
Ilustración de "Donde viven los monstruos" (Maurice Sendak)


                Nestes intres estou engaiolado por “Na cociña da noite” do escritor estadounidense. Un álbum excepcional. A historia dun soño dun neno que se afunde nas sombras da noite e mestura situacións soñadas coa realidade. Exquisito.Obra dunha imaxinación desbordante, ilustrada con tinta e acuarela, no estilo do cómic en distintos tamaños e ateigada de detalles. Unha marabilla plástico-literaria. Un álbum para todas as idades. Literatura intelixente, sen dúbida. Sendak é unha referencia da LIX de todos os tempos que debe ser coñecida ben a fondo.




             E agora irei poñendo unha mostra dos libros de poemas que están na miña mesa de traballo. Poemarios cos que gocei profundamente e que deben ser tidos en conta para que os cativos (e os mediadores) comprendan que a poesía provoca alegría e resulta atractiva cando ten calidade.


Xosé Ballesteros.

                Antonio Rubio (texto) e David Pintor (ilustrador) firman “Almanaque musical”, traducido ao galego por Xosé Ballesteros.

          Leamos un poema:



XULLO

Músicos en xullo
deitados na hamaca
coma liñas rectas
dun gran pentagrama.

A clave de sol
é unha barcaza:
remos desvelados
sobre a auga clara.

Palmeiras moi altas
chantadas na praia,
allegro non presto
que flota na auga.





          Ramón García Mateos é o autor do poemario “De los álamos el viento”, cuxas ilustracións son de Fernando Vicente.

        Leamos o seguinte poema:



DESPEDIDA

De los álamos el viento
a las orillas del agua
y el cielo azul en las manos
contemplando tu mirada.

A lo lejos sin remedio
tiembla la voz en el alma.
Canto si quiero cantar
pero lloran mis palabras.

El cielo azul en las manos
contemplando tu mirada.
De los álamos el viento
a las orillas del agua.




          María José Ferrada, autora do marabilloso poemario “El idioma secreto”, escribiu estoutro libro de poemas, “O baile diminuto”, traducido ao galego por Xosé Ballesteros. As ilustracións, máis que suxestivas, son obra de Sole Poirot.

        Velaquí un poema deste libro:



O VAGALUME

O vagalume nun principio non era nada,
pero despois foi vagalume.
E como era vagalume fixo un farol verde,
prendeuno nunhas das súas antenas
-eses radares perfectos-
e saíu a coñecer mundo.

Pensou que o mundo tiña moitas cousas
que iluminar cun farol.
Pensou nas laranxas coma pequenos soles.
Pensou no orballo,
coma un abrigo de auga.
Pensou no tomate
coma un universo pequeno e vermello.

E o vagalume, que nun principio non era nada
pero despois foi vagalume,
pensou que cada cousa
vista á luz dun farol
tiña un brillo diferente.

E foise polo mundo iluminando as cousas,
iluminando.







Fernando Pessoa
                  E vou rematar referíndome a unha antoloxía que se me fai necesaria. Trátase da “Antoloxía poética de Fernando Pessoa”. Haina en castelán, pero eu teño nas miñas mans a edición en portugués. Trece poemas que publica Kalandraka Editora Portugal. Trece poemas que inauguran a colección “Treze Luas” en portugués, que vén reforzar as “Trece Lúas” en galego e as “Trece Lunas” en castelán.
Unha alfaia máis desta editorial que non deixa de abrir portas nos edificios máis universais.
Trece poemas moi ben escollidos por Margarida Noronha e Pedro Proença, responsables, ademais, da edición literaria. Poemas emblemáticos do universo de Pessoa, cunhas ilustracións de Pedro Proença, unha das figuras máis salientables do panorama das artes plásticas, que aporta ao libro unha viveza e un colorido espectaculares, non exento dun humor moi persoal.

        Non podo resistir a tentación de incluír neste artigo un dos poemas máis significativos do poeta de Lisboa.




AUTOPSICOGRAFIA

 
O poeta é um fingidor.
Finge tão completamente
Que chega a fingir que é dor
A dor que deveras sente.

E os que lêem o que escreve,
Na dor lida sentem bem,
Não as duas que ele teve,
Mas só a que eles não têm.

E assim nas calhas de roda
Gira, a entreter a razão,
Esse comboio de corda
Que se chama coraçao.



               Kalandraka ten levado moitos premios pola liña trazada dende o principio. Pero eu quero subliñar dous deles: O Premio Nacional ao mellor labor editorial  cultural 2012 e un segundo que me gusta especialmente: O Premio Xoán M. Pintos ao compromiso coa lingua 2013.
Unha festa da palabra e das artes plásticas son os libros desta singular editorial galega.



                                                                                                  
                                                                                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO