miércoles, 19 de marzo de 2014

"O SOÑO DE ESTHER", UN NOVO PROXECTO DE MIGUEL A. ALONSO DIZ E LUZ BELOSO.



Miguel Ángel Alonso Diz
   Cada certo tempo vén á miña casa. Encántame. Estamos moi a gusto.

     É un ser incrible.


     O seu entusiasmo pola literatura, por dar pasos cara adiante no eido da lectura e a súa paixón por escribir son dignos de gabanza.
       
Todo o que fai está moi pensado, moi traballado. Así que os seus proxectos sexan máis que interesantes non debe estrañar a ninguén.
     Conversar con Miguel A. Alonso Diz é un pracer. Sentamos na sala de estar e o tempo pasa voando. Acéndenselle os ollos de ilusión cando fala do que ten entre mans. Ama fondamente a literatura. Ama fondamente os nenos e nenas.  Pero é moi crítico coas cousas mal levadas.

     Amólano os docentes que non amosan interese pola lectura.
     Amólano as planificacións escolares mal feitas.
     É un loitador por todo aquilo que considera necesario para unha maior formación do alumnado.

     E Miguel Ángel escribe libros na procura da felicidade dos seus lectores e lectoras. Mais os seus proxectos non os fai en solitario. Non. Miguel Ángel ten en Luz Beloso, a parte que precisa para que todo saia como desexa. Como desexan, afirmo.
     Luz é a ilustradora. Os seus personaxes son tenros, vivos e moi expresivos. E Luz comparte a visión do escritor para, xuntos, dar vida aos seus soños.

     Os resultados que acadan son excelentes. Unha mostra foi, por exemplo, un libro do que xa falamos aquí: O Cullarapo Croque.
     Miguel Ángel estivo hai unhas semanas conversando comigo na casa.
     Faloume dun novo libro que estaba a artellar con Luz. Intereseime por el, como sempre me ocorre co que fan. Gustoume a idea e animeino a que explicase en Versos e aloumiños os obxectivos do libro, a xénese, as sensacións… o que lle apetecese comentar. Dixo que o faría.
    
     Cumpriu a promesa. Acabo de recibir o seu texto.
     E quero compartilo cos lectores e lectoras deste blog-revista, porque paga a pena.
     Só me queda felicitar a Miguel Ángel Alonso Diz e a Luz Beloso, porque senten moi dentro deles a necesidade de aportar elementos positivos para unha normalización necesaria da nosa literatura e do noso idioma.
   Xa estou desexando ver o libro na rúa.
  Grazas, amigo, por seres como es.


Miguel Ángel e Luz Beloso.



 ISTO É O QUE NOS CONTA  MIGUEL  ÁNGEL SOBRE "O SOÑO DE ESTHER".



  
A conversa lévanos a falar dos nosos proxectos. Entre eles,  “O soño de Esther”.

O amable mestre amigo dime: escríbeme sobre el. 



“O soño de Esther” será o nome do novo libro que en abril deste ano nacerá, para ledicia dos seus pais: Luz Beloso mais eu; e agardamos que de tod@s vós.

Este libro responde á necesidade que existe de crear material en galego, que sendo divertido e visualmente fermoso, sirva para achegar a @s nen@s as vogais, os números, os puntos cardinais a través dunha fermosa e entretida historia.






O proceso de creación foi unha experiencia moi interesante  xa que, todo o escrito até a data: “O cullarapo Croque”, “A nena á que non deixaban ser feliz” e un terceiro en proceso de ilustración, son textos que sempre agochan na súa alma varias lecturas e significados.  Neste caso quixemos centrarnos no aspecto didáctico. Aínda que debaixo do libro latexe a idea resumida nesta frase: “O coñecemento é o contrario do medo”




 A protagonista do libro atopa nas vogais o fogar, o entretemento, a beleza, o camiño e a seguridade no descanso. Grazas a elas consegue escapar dunha temible treboada, que é unha metáfora da ignorancia que todo o quere destruír ao seu paso.  







Complementaremos o libro con diverso material na rede que agardamos fomente a creatividade entre @s cativ@s e @s mestr@s.  Ademais dun contacontos sobre o libro que xa foi pensado mentres este era escrito.

Percibín por parte dos docentes unha boa acollida aos nosos traballos, pero nas conversas mantidas con algunh@s del@s adoitaba a escoitar a mesma mensaxe: falta material en galego para traballar certos aspectos.

Pode que non exista pola baixa demanda do mesmo por parte d@s profesionais; pode que exista e se descoñeza a súa existencia, (eu tamen descoñezo);  ou por falta de vontade real por parte de todas as partes. 

Non renunciamos a facer literatura, pero é certo que o noso compromiso lévanos a buscar camiños que nos permitan incidir na realidade.





Cal é a realidade?

“O noso idioma morre”. Esta frase é un resumo do que está a acontecer en Galicia.




Seguimos creando, sementando e facendo camiño.  Camiño que persoas coma ti, meu benquerido amigo, levas anos  traballando con arado de amor e verso.

Alí onde estamos atopo as túas pegadas.  

Seguimos a cabalgar... a cabalgar...como dicían os versos de Rafael Albertí.

Seguimos... Xuntos!