domingo, 2 de febrero de 2014

"O RECENDO DAS CLEMENTINAS", de AN ALFAYA: UNHA VIAXE AO INTERIOR DOS SENTIMENTOS.



Hai autores e autoras dos que agardo con ilusión a saída dun novo libro. Persoas que se dedican a esta nobre arte da literatura e que me chegan, coas súas obras, ben dentro ou me provocan unhas ganas enormes de gozar co que escriben.

          Unha desas persoas é, sen ningunha dúbida, An Alfaya. An escribe de marabilla. Coida moito a súa prosa e, normalmente, pon o dedo na chaga naqueles temas que se interesan polo ser humano, como seres ilusionados, cos seus problemas cotiáns, coas súas eivas vitais, cos seus encontros e desencontros, coas súas dúbidas na procura dunha calma necesaria para vivir.

          E An Alfaya eleva todos estes mundos persoais á categoría literaria. Velaí o seu gran mérito como escritora.
Gústame desta muller a capacidade que posúe para penetrar na psicoloxía dos seus personaxes. Escaravella nos seus comportamentos e amósanos uns homes e mulleres, uns nenos e nenas, con contradicións, coas súas arelas e decepcións, pero sempre dotados dunha tenrura que os ennobrece.
          
An Alfaya
          E todo isto resulta ben patente no seu fermoso libro O recendo das clementinas. Non canso de proclamar que An é unha escritora de personaxes, capaz, dende logo, de tecer tramas aparentemente sinxelas (endexamais simples, eh?) envoltas nun sentimento que emociona e dotadas da tensión da boa novelista.

          Neste libro, entramos na vida, nas sospeitas, nas dúbidas de Abril, unha nena que se traslada cos seus pais a un barrio novo sen coñecer a verdadeira causa do traslado. Todo isto, apoiado no silencio dos pais, provoca nela dúbidas que acabarán por enchela de desconfianza neles.

          O achado fortuíto dunha fotografía vaina levar a un desacougo fondo que fará que o seu comportamento se volva hostil cos pais.

         Por outra banda, personaxes entrañables como don Claudio, o rico propietario dunha frota de vehículos de aluguer; da súa muller dona Clementina, que pasa ben tempo no seu cuarto ou nunha cadeira de rodas e que escribiu contos infantís; de Bernal con quen fai amizade  e con quen xoga á Play e que a segue onde vai ela; do empregado do seu pai no taller de reparacións de coches, Sebastián, a quen chama Ferramenta e polo que a nena sente un cariño especial, son algunhas das persoas que andan pola novela e danlle á mesma un sentido de humanidade profunda.

          E sen esquecer a boneca Paulina, cunha historia detrás, que tentará arranxar Abril, pois é unha rapaza a quen lle encanta fedellar nos obxectos, nos aparellos, nos electrodomésticos para montalos e desmontalos se están estragados.
Todos os personaxes teñen unha grande importancia na novela, na que hai tensións, misterios por resolver, descubertas, fuxidas e incertezas.

          Un libro tenro, que crea pequenos espazos persoais, que deixa situacións ao noso criterio, que permite falar e discutir. Unha clara viaxe ao interior das persoas que senten a necesidade de saber quen e como son. Unha historia fermosa, exposta con intelixencia por quen é unha das mellores narradoras do panorama galego actual.

                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO