martes, 4 de febrero de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( VII ) . SLIM HARPO




Hai músicos que non teñen dificultade para adaptárense aos cambios nos estilos e nas modas. Pero hai outros cuxos estilos son tan únicos e persoais que cando atopan un son que lles satisface, xa practicamente non o trocan endexamais. Entre estes podemos nomear varios, como Bo Diddley ou Arthur “Big Boy” Crudup (ambos os dous merecen, sen dúbida, unha descuberta fonográfica de seu), e a este grupo pertence tamén Slim Harpo. A Harpo, menos coñecido ca outros bluesmen da súa época, o que lle interesaba era crear unha atmosfera determinada e, en canto o facía, non modificaba xa nin o ritmo nin o tempo, porque se algo soa ben, que sentido ten facelo doutro xeito? Xa que logo, é evidente que moitas das súas cancións teñen un son moi semellante entre si, pero pouco importa. O estilo de Harpo, un blues relaxado que nos fai sentir a gusto cando o escoitamos, é tan atractivo que, se tivese gravado unha adaptación dun éxito de Peret ou Manolo Escobar, eu mercaría o disco igual. Ademais, a súa música exerceu unha poderosa influencia no primeiro rock e, sobre todo, en grupos británicos tinxidos de rhythm and blues coma os Rolling Stones, os Yardbirds, os Pretty Things e os Kinks. Case nada.

Nado nunha pequena vila preto de Baton Rouge, no estado de Louisiana, o seu verdadeiro nome era James Moore, e aínda que semellaba un intelectual coas súas gafas negras, axiña sentiu a chamada da música e deixou a escola para converterse en músico profesional, concentrándose tanto na guitarra coma na harmónica. Sería precisamente este último instrumento o que lle daría o seu nome artístico, adaptado da palabra inglesa harp, que no universo do blues significa harmónica. Digo isto por se alguén pensa que a súa nova identidade tiña algo que ver cun dos irmáns Marx. De feito, este novo nome non se lle ocorreu a el, senón á súa muller, Lovelle, co-compositora de moitas das mellores cancións de Harpo, pero a nova identidade ficaría xa para sempre ligada a el. Harpo pasou un tempo a traballar como músico de sesión para Excello, unha compañía discográfica con base en Nashville dirixida por Jay Miller, quen axiña descubriu que o xove Harpo tiña talento de abondo para gravar os seus propios discos. E Miller non se trabucaba, pois o primeiro single que publicou, “I’m a King Bee”, non tardou en acadar un éxito sen precedentes, dando lugar a outras pezas (“Buzzin’”, “Little Queen Bee”) moi semellantes e mesmo a unha versión dos Rolling Stones no seu primeiro álbum. A cara B dese primeiro disco, “Got Love If You Want It”, sería versionada posteriormente polos Yardbirds e os Kinks, así como por Warren Smith, unha das figuras do rockabilly de Memphis.

Durante a primeira metade dos anos sesenta, os éxitos de Harpo sucedéronse uns a outros, e todos eles poden atoparse nunha compilación dobre que é absolutamente imprescindible para quen desexe adentrarse na súa música. Baixo o título de The Excello Singles Anthology (Universal), esta antoloxía recolle as anteditas cancións, ademais de outros clásicos coma “Rainin’in My Heart” (unha incursión no pop da man de Felice e Boudleaux Bryant, responsables de moitos dos éxitos dos Everly Brothers), “Baby, Scratch My Back” ou “Tip On In”, sen esquecer gravacións que non chegaron moi lonxe nas listas pero que son tamén pequenas xoias, como é o caso de “Harpo’s Blues”, “Please Don’t Turn Me Down” e “I’m Gonna Miss You (Like the Devil)”. Harpo mesmo rexistrou as súas propias versións de “Mohair Sam” de Dallas Frazier e do “Folsom Prison Blues” de Johnny Cash, amosando o eclecticismo das súas influencias.

Cara a finais da década, Harpo estaba a actuar en moitas das cidades máis grandes dos Estados Unidos, ás veces en solitario e outras veces xunto ao seu amigo Lightnin’ Slim, quen tamén gravou magníficos discos para Jay Miller e o seu selo Excello. Mais, por desgraza, a sorte non o acompañaría: a súa morte, causada por un ataque cardíaco, chegou en xaneiro de 1970, cando estaba a prepararse para unha xira por Europa que mesmo ía incluír a gravación dun novo disco en Londres. Foi algo totalmente inagardado, xa que os amigos e familiares que o coñecían ben sabían que ata entón Harpo tivera unha saúde de ferro, sen problemas con enfermidades de ningún tipo. Queda claro, polo tanto, que un nunca sabe onde lle espera o fin dos seus días, mesmo se, coma Harpo, un raramente se ve na obriga de visitar o médico. Queda claro, tamén, se escoitades eses singles que gravou para Excello, nos que emerxe un estilo persoal e menos transferible cós contratos de Cristiano Ronaldo ou Messi, que Slim Harpo é un deses homes hoxe un tanto esquecidos pero sen os cales a historia da música non tería sido exactamente como a coñecemos.


Unha vez máis, non fun quen de atopar ningún vídeo de Slim Harpo tocando un dos seus éxitos en directo, así que vou deixarvos cunha aparición televisiva dos Kinks interpretando o “Got Love If You Want It” de Harpo, que os Yardbirds tamén incluíron no seu elepé Five Live Yardbirds.



                                          ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ