miércoles, 6 de noviembre de 2013

ESCAPARATE POÉTICO ( XXIX) Yolanda Castaño






 YOLANDA CASTAÑO     (Santiago de Compostela, 1977)




EU ERA UN ESPELLO

EU era non máis ca un espello
adobiado dende a ignorada vontade da ancoraxe,
dende o tácito entusiasmo da construción dos argumentos,
o receo solícito da esperanza das terapias

Que mesmo cando me gardabas
estabas gardándote a ti.
Yolanda Castaño



CECAIS PECHAR UNHA XANELA

NUNCA tanto tempo pasara eu procurando unha
dor. Sequera tal alimento para estes
ollos que se alzan a mirarte.
Pero tiven que comprobar o volume en carne,
a vulnerabilidade aos procedementos físicos,
a torpeza do corpo e os
recantos incultos en chairas lamacentas.

Cecais teña que pechar unha xanela para ver o sol.





SE falase de ti non pronunciaría
                                                    as sílabas supremas
pero bicas ben e gústame estar contigo.
O meu verde co teu azul.
Delirio de ramas.
O meu verde co teu azul.

Abstéñome de pronunciar esas sílabas sublimes
pero gústame cómo abrazas e o teu pelo fai xogo co meu vestido.

Os teus dedos patinan nas miñas medias.
O meu verde co teu azul.




QUÉN  preservará todos os contornos da conciencia.
Quén ha de revelar o meu nome descoñecido,
         o meu impúdico nome que codifica e devora.
Quén pode prescribir tantos equívocos moldes
        por encima desta fiestra construída polo corpo.
Quén haberá que incorpore esta razón esta memoria
        cara un ciclo impertérrito de tebras e de luz?




POLA emoción chegamos
                                               a unha montaña sen resposta.
A túa sensibilidade de doer e de involucración.
Por iso fixemos aquilo.
                                             (E seguirémolo facendo).
Agora perségueme a primeira persoa do plural.
A miña vida d.C.

Eu maleábache aquilo e ti morrías de delicia.
Os nosos rostros responsables.

As miñas sílabas peregrinas contra a túa elocuencia cautelosa.
O meu punto, can consorte.
A túa fixación teleutefílica.
Convencernos mutuamente
de que os ultraparadisos eran isto.

E o lombo do lobo en nós ramificándose.



(Do libro Erofanía. Triloxía poética. 1995-1998, editado por Espiral Maior, 2009)