lunes, 8 de julio de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (XX) Xavier Rodríguez Baixeras




XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS  (Tarragona, 1945)



DE LUGARES, nada digo.
De amañecer, iso mesmo.
De nomes, os que me entregan
salaios de despedida.

De mortos, a incandescencia
que non se irá. Do coitelo,
o asfalto que me ameaza
no arboredo estremecido.

Do que chega, este mal vento.





REMOL no ceo trala noite ardente.
A fatiga dos pasos
que, senlleiros, regresan ao seu tobo.

A marcha perdurábel,
predicíbel.
O que parte, promiscuo.

O que ameaza co seu nome,
antiface do abismo.





CANDO ninguén me chame
e as noites abran paso a un corpo mudo,
esvaído, vertendo na certeza,
que as louras algas, o verdoso esmalte
do mar adolescente  e un delirio
de grutas zumegando o seu rumor
no salitre da carne
me decoren os torpes pensamentos
que finxiron beleza e que só foron
arrepío de alguén, anhelo do seu corpo,
dos seus claros abismos, do seu rastro,
das bágoas que enguliu fronte a un espello
onde debín entrar
para non vela máis, para non verme.




(Do libro O pan da tarde, editado por Ed. Galaxia, 2006)