jueves, 11 de abril de 2013

UNHA CHEA DE FABAS. Paco Martín

Cando lle solicitei a Paco Martín unha colaboración para Versos e aloumiños, ofreceume a posibilidade de enviarme unha serie de artigos da súa columna Auga lizgaira que escribía para El Progreso de Lugo.
A luz das palabras publicou o texto chamado Saberes, que foi unha delicia literaria.
A palabra de Paco Martín, cálida, poñendo sempre o dedo na chaga, irónica, cun humor acedo, vai na procura de engrandecer o ser humano feble que vive neste mundo e amosar a cara hipócrita desta sociedade nosa tan individualista como superficial.
Son historias anecdóticas ou, quizais, anécdotas elevadas á categoría de historias. Son pura literatura. Están moi ben escritas. Son intelixentes e buscan salientar os sentimientos das persoas. Son críticas coas desigualdades e posúen unha dignidade moral exemplar. E falo de dignidade cando se está a perder, en moitos casos, esa virtude naquelas persoas que deberían amosala día a día pola súa responsabilidade pública ou privada.
E quero insistir. Paco Martín fai literatura sempre, sexa o xénero que acometa. É unha persoa sinxela, xenerosa e amable que fai da palabra literaria un monumento ao cotián. Que é profundo, se o seu proxecto o require, e que sabe moverse de marabilla polas diversas sendas da creación poética. Admiro e quero a Paco Martín, porque, ademais de ser un grande escritor, é unha persoa honrada e agarimosa.

Versos e aloumiños ten o pracer de que poidamos gozar, unha vez máis, coa calidade literaria de Paco Martín. O seu texto, Unha chea de fabas, fará, estou seguro, a delicia dos lectores e lectoras.






Unha chea de fabas
                                                                                               

            Felipe era un neno duns cinco anos de idade que unha fría mañá de outono aparecera, da man de súa nai, na porta da primeira escola na que me tocou servir como mestre. Aínda era novo para podelo matricular oficialmente e aquela boa muller víñame pedir por favor que lle admitise ó fillo na clase porque, sendo ela soa como era e non sabendo con quen deixalo, tiña bastantes dificultades para poder levar adiante o traballo que lle permitía facer pola vida do cativo e mais pola súa.

            Era aquela unha aldea de montaña, sen estrada nin camiño abondo para que ata ela puidese chegar un automóbil, cunha interesante igrexa románica, un destacamento da Garda Civil -que estabamos no que foran terras de fuxidos-, unha pobre economía rural de subsistencia, uns costumes algo relaxados de máis en opinión do señor cura párroco e unha considerable poboación infantil que abarrotaba ata eludir milagrosamente o principio de impenetrabilidade o máis ca modesto local habilitado para escola. Un servidor estreábase no oficio e o Felipiño, que avultaba pouco, tiña uns ollos vivísimos e cheos de curiosidade, de maneira que, convencido de que un máis entre tantos a penas se se había notar, dixen que si á muller e procurei acomodar ó rapaz o mellor que puiden.

            Unha tarde, pasados xa algúns días desde aquel primeiro encontro, déralle ó tal Felipe –como facía con outros- unha presada pequena de fabas para que as contase e soubese despois dicirme o número delas que había. Eu atendía a outras cousas pero non deixaba de fixarme no que o cativo facía. Primeiro colocou as fabas riba da súa pizarra formando unha rea e pasou algún tempo observando o resultado, despois desfixo este labor e comezou a realizar sinxelos debuxos xeométricos con elas para rematar cun deseño circular que pareceu deixalo bastante satisfeito. Cruzou os brazos e agardou. Achegueime a el, contemplei a súa obra e preguntei: ¿Cantas hai, Felipe? Ergueu a cabeza, olloume en fite e púxose a recoller, unha por unha, as fabas da pizarra. Rematou, alongou a a súa man dereita para volvermas e dixo, convencido: Unha chea delas.

            Daquela rin coa resposta e fixen por convencer ó cativo para que as contase. Pasaron os anos e na miña memoria quedou gravada aquela roda imperfecta de pintas brancas debuxada contra o mouro da lousa, roda que fora, naquel momento, a grande obra do Felipiño artista. Do que nunca me lembrei foi do número de fabas que alí había.

            Estes últimos tempos teño ocasión de ler nos papeis cousas referidas a esas xuntanzas globalizadoras nas que se barallan cifras enormes de posibles consumidores, infórmome dos desmedidos beneficios, declarados, da banca e mesmo chego a saber que hai outro individuo por aí que ten aínda máis cartos dos que Bill Gates ten. Se cadra é por iso polo que agora conto aquí o do meu antigo alumno. 


                                                                                                                                     Paco Martín