jueves, 18 de abril de 2013

PACO IBÁÑEZ SEGUE VIVO



Paco Ibáñez nun dos seus numerosos cocertos



Hai fenómenos sociais ou movementos culturais que ocorren nunha determinada época, cumpren a súa función, quéimanse no seu desenvolvemento e desaparecen. As súas cinzas espállanse polo aire e algunhas persoas converténse en anécdotas nun mundo de anécdotas, superficial e falto de contidos.
Hai outra clase de fenómenos, ás veces individuais, outros colectivos, que funcionan ao longo do tempo sen deixarse engulir por el. Poden ser variados pero eu vou referirme á poesía cantada. E nestes casos as cancións xogan un papel fundamental, a palabra faise crítica, o verso, sentimento. A esta segunda categoría de fenómenos pertence Paco Ibáñez. Loitador de guitarra nas mans, incapaz de traizoar  aqueles os que dirixe a súa voz, cada vez mellor modulada, entre a brétema da poesía. Paco Ibáñez, o trobador das emocións, o poeta da liberdade; esa persoa que converte a poesía escrita en comunicación que nos axuda a comprender e, sobre todo, a reflexionar. Paco Ibáñez, nunca superficial, dicindo en voz alta que este mundo noso segue a necesitar dese alimento poético que algúns deciden esquecer. Sempre deixei ben claro que Paco Ibáñez foi o meu mellor profesor de literatura. Cando non proliferaban as antoloxías poéticas auténticas, -as que permitía o réxime franquista non o eran- moitos atopamos en Paco a arte convertida en canción (ou viceversa) que nos alimentaba o espírito e nos permitía ollar máis alá da inmediatez baleira. Paco cantaba e, o que é máis importante, segue a cantar á xustiza, á liberdade, á solidariedade e ¡como non! á beleza, facendo de cada poema/canción un compañeiro para seguir andando, para seguir respirando. E alguén coma el, que leva a poesía tan dentro, nestes momentos que estamos a vivir, fala máis alto, se cadra, e , segundo el proclama, gústalle ser un atizador de conciencias. Se repasamos un a un os seus discos seremos conscientes de estar diante dunha das antoloxías poéticas máis completas da literatura en castelán. Pero o importante está na época en que o fixo, unha época negra que negaba a Valente, Lorca, León Felipe, Otero, Celaya, José Agustín, Alberti, Gil de Biedma..., poetas que el cantaba. E coa súa voz vibrabamos co Romanceiro, co Arcipreste de Hita, con Jorge Manrique, con Quevedo ou con Góngora. Paco Ibáñez converteuse na memoria colectiva dun pobo que necesitaba berrar. Ese mesmo pobo que, hoxe en día, precisa da actitude e da arte de Paco Ibáñez. E moitos, moitos máis dos que parecen, quedamos enfeitizados pola súa palabra. E agora non nos sentimos orfos, porque Paco segue aí, chamando as cousas polo seu nome. Aquí non cabe a nostalxia. Paco é presente e futuro. Paco Ibáñez é intemporal, sempre terá vixencia porque non responde a modas nin a debilidades. Paco Ibáñez é a poesía na súa esencia, esa que continúa a ser necesaria, conmovedora. Paco Ibáñez non deixa de servir á canción, nunca traizoa o seu traballo, roza a severidade e desprende tenrura cando afirma: “Xa non canto para que me oian, senón para que me sintan”. E o máis marabilloso deste home está en que, xa entrado este novo século, abriuse ás outras linguas do Estado. Si, Paco canta en éuscaro, en catalán e mais en galego. Na nosa lingua, nos concertos que está a dar continuamente, canta unha canción do meu Paseniño, Paseniño, Que ocorre na terra?, ten musicadas dúas máis e fai unha versión do poema de Celso Emilio Ferreiro, Inverno, realmente marabillosa. Unha mostra máis de que Paco vive e fai vivir. Unha mostra máis do seu compromiso cívico, auténtico, coas linguas minorizadas, ás que defende con paixón. Dá o mesmo onde cante. En Francia, en España, en Latinoamérica, a súa voz leva o galego con ela. E emociona. Vaia se emociona! Que llelo digan aos galegos que o rodeaban tras un concerto en Bos Aires e chamáronme conmovidos e eufóricos, ás tres da mañá! co susto correspondente, para felicitarme e falar comigo. E por se alguén non o sabe, direi que o  ano pasado Paco gravou un disco exquisito, Paco Ibáñez canta a los poetas latinoamericanos, no que recupera as fermosísimas cancións sobre poemas de Pablo Neruda, ás que engade unha nova, La muerte de Melisenda. E con elas están poetas como César Vallejo, Alfonsina Storni, Rubén Darío e Nicolás Guillén.Paco non ten límites. Segue fiel ás súas ideas. Resulta demoledor nas súas opinións. Por iso, Paco molesta e por iso se comprende que os medios de comunicación o ignoren. Como se non actuase. Como se estivese morto artisticamente. Como se trabucan, pero que hipócritas son! Paco está máis vivo que nunca. Non esquece que Brassens lle fixo descubrir a canción. “ Aprendín que con ela se poden divulgar mensaxes profundas”. En Francia adórano. Aquí, os progres que o seguían durante o franquismo ignorárono vilmente na transición e nesta democracia que dá noxo. Pero Paco Ibáñez non se rende. E non o fai porque leva a súa dignidade e a súa honradez por bandeira. E a súa arte que non mingua. É unha honra coñecelo. É unha honra ser o seu amigo. Para min, sentilo, resulta unha necesidade e mais un privilexio.


 
Algúns dos poetas cantados por Paco Ibáñez



                                                                                                  ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO