martes, 2 de abril de 2013

NON VOU DICIR NADA DE BOB DYLAN



Que para min The Beatles e Bob Dylan son uns verdadeiros xenios, non é un segredo. Que dos de Liverpool e do bardo de Minnessota me convertín nun auténtico coleccionista, debo recoñecelo. E hoxe, mentres estou escoitando Shelter from the storm da miña última adquisición dylanesca, un álbum con dous cedés e unhas grandes e fermosas fotografías en branco e negro, volvo a gozar coas grandes cancións deste gran músico que fai poesía.
Non vou falar de Dylan.
Non vou dicir que é o artista musical máis influínte do século XX. Nin tampouco que os seus últimos discos, xa no século XXI, son dunha enorme altura.
Non vou dicir que, cando o daban por acabado, deu ao mercado unhas obras excepcionais, dunha calidade indiscutible.
Non vou dicir que Like a rolling stone é unha das mellores cancións de todos os tempos, se non a mellor.
Non vou dicir que no mundo convulso de Dylan, tan persoal e hermético, non se pode entrar.
Non vou dicir que é un ser exemplar, pero tampouco que é o diaño en persoa. Nin quero afirmar que creou un personaxe controvertido  e malia todo admirado por milleiros de seguidores.
Non vou dicir que non tivese infinidade de contradicións, pero que a súa evolución persoal, interpretativa e creadora cambiou a música a partir dos anos 60.
Non vou dicir que na súa “etapa cristiana” ten discos sublimes, mais si que non son tan frouxos como se dixo daquela e que revisándoos agora, afirmo que teñen cancións magníficas en cada un deles.
Non vou dicir que é un poeta, pero que a meirande dos seus temas se poden recitar como se fosen pura poesía.
Non vou dicir que me emocionan as súas composicións, tanto en disco coma en directo, e que sen elas a música sería moito máis pobre.
Non vou dicir que posúe a voz máis fermosa que un músico pode ter, pero quero manifestar que me engaiolaba noutrora e que me segue a engaiolar esa voz, rouca, que rabuña de agora.
Non vou dicir que lle deu á música unha dimensión poética que antes non tiña, nin que nos EE.UU. se estuda desde o punto de vista da poesía.
Non vou dicir que o seu primeiro volume de Crónicas supuxo un recoñecemento xeral de público e crítica polo ben que estaba escrito, pero si direi que eu o leo cada ano, agardando o seu  segundo tomo. E  sabendo que Bob Dylan adoita despistar o persoal.
Non vou dicir que é un tipo simpático, que se comunica falando en público, pero podo dicir que leva anos e anos coa súa xira interminable, a Never ending tour, á que asisten nos máis diversos puntos do planeta, os seus millóns de fieis unha chea de veces.
Non vou dicir que non cambie as cancións en directo, esas que leva máis de corenta anos cantando, pero que eu lle agradezo que o faga para enriquecelas. Se queremos oílas nas súas versións orixinais, escoitemos a chea de discos que están no mercado.
Non vou dicir que Knockin´on heaven´s door sexa a súa mellor canción, pero que a min me emociona unha e outra vez e quero que soe no meu acto cívico cando eu morra.
Non sigo. Se digo todo o que teño que dicir, canso. Bob Dylan vai máis alá da música, é un xenio e débeselle o Premio Nobel de Literatura.
E agora, co libro de Vicente Escudero, Las Palabras (Ed. Júcar. Los juglares) vou deixar que fale Robert Allen Zimmerman para saborear as súas palabras:
-          Fai falta unha muller coma ti para chegar ao home dentro de min. (The man in me)
-          O home pensa que con dominar as leis da Terra, xa pode facer con ela o que lle praza e se as cousas non cambian axiña, farao. Oh, o home inventou a súa perdición. O primeiro paso foi tocar a Lúa.  (License to Kill)
-          Morremos e renacemos e daquela fomos misteriosamente salvados. O tempo é un océano pero remata na costa. (Oh Sister)
-          Ás veces penso que neste mundo non é outra cousa  ca unha gran prisión. Algúns de nós somos presos, e os demais somos gardiáns. (George Jackson)
-          Se os cans corren en liberdade, por que eu non polo encoro do tempo?  (If dogs run free)
-          Que se sente?  Que se sente, ao estar sen un fogar, coma unha completa descoñecida, como unha pedra rodante? Cando non tes nada, non tes nada que perder. Es invisible agora, xa non tes segredos que agochar. (Like a rolling stone)
-          Están os paxaros libres de cadeas nos camiños do ceo? (Ballad in Plain D)
-          Naciches cunha serpe en cada man mentres sopraba o furacán. A liberdade está á volta da esquina para ti, pero coa verdade tan lonxe, que ben podes facer? Es o home das multitudes, es un estafador de soños. (Jokerman)



E mentres soa  You make me feel my love, escribo unhas palabras de Bruce Springsteen sobre o mestre, para rematar este artigo: Grazas, Bob. Quero dicirche que non estaría aquí se non fose por ti, para dicirche que non hai ninguén que non teña que estarche agradecido e, para roubar unha liña dalgunha canción túa – tanto se che gusta, como se non-. Ti fuches o irmán que non tiven nunca.
Non vou dicir que non teña razón. Se o boss o di…                                                                               
Nestas, lembro o libro, Leonard Cohen. Un buscador de la verdad, de Marc Hendrickx (Ed. Milenio)  e leo o seguinte:  Así como Bob Dylan abrira unha porta utilizando textos ata daquela inéditos dentro da música pop, o papel de Cohen consistiu en explorar o mundo máis aló desa porta… 

 
Encántame Leonard Cohen. Eu afirmo que é un poeta que canta, que susurra con moito gusto os seus textos. Bob Dylan, en troques, é un músico que fai poesía. Un home que leu moitos autores e acadou unha senda poética de seu. Dous verdadeiros xenios.
Xa me fun do final pensado. Agora si que o fago cunha comparación fermosísima que saíu dos labios de Cohen:  Bob Dylan é o Picasso do rock, e eu, en todo caso, sería o Matisse.
Repito. Que dous xenios!!!
E xa vedes que non dixen nada de Bob Dylan.Falaron algúns versos das súas cancións e outros personaxes.





                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO