domingo, 7 de abril de 2013

A luz das palabras (21). Antonio Reigosa


Antonio Reigosa  (Foto de Clara Reigosa Lombao)

Dicir Antonio Reigosa significa mirar ao noso redor e decatarse do mundo da tradición oral, da maxia que posúe Galicia cos seus seres míticos e a necesidade de contar e escoitar historias, eses contos que o ser humano precisa para sobrevivir a tanta soidade e tanto individualismo que a modernidade nos trae.
O nome de Antonio Reigosa, neste eido, vai vencellado ao de Xosé Miranda, outro dos grandes escritores deste país noso e, tamén, ao de Xoán Ramiro Cuba.
Quero salientar a Antonio, como coautor dunha obra magna, que me impresionou e marabillou, ilustrada maxistralmente por Lázaro Enríquez, (mestre, non te esquezo), o Diccionario dos seres míticos galegos (Ed. Xerais, 1999).
E sentinme moi preto del, cando subín ao lombo do Cabalo Buligán e fun lendo, contando e, mesmo, representando cos meus alumnos nas aulas, algúns dos contos de animais, de parvos e pillos, de maxia, fantásticos, de encantamento ou marabillosos que esta colección nos agasalla. Vinte títulos imprescindibles, editados por Edicións Xerais, que reúnen contos da nosa cultura. Historias nosas, universais, para fuxir do perigo que nos rodea, para transformarnos en príncipes ou princesas, coñecer o mundo de cando os animais falaban e, todo isto, cabalgando nunha montura diversa e feiticeira que fai gozar a quen percorre as súas follas.
Volvo a vista atrás para lembrar cando saudei e felicitei a Antonio Reigosa en Santiago, creo que foi. Gañara  o Premio Merlín cun libro boísimo, Memorias dun raposo. Curiosamente, o meu fillo fora compoñente do xurado do certame e falárame marabillas dun orixinal que lera. Para el, o seu favorito. Antonio escribe moi ben. Nótase moito nas súas obras de ficción o amor que ten pola cultura tradicional.  Antonio Reigosa é, para min, unha referencia esencial  se falamos de literatura oral. Non debemos esquecer que este home, nado en Zoñán. Mondoñedo, foi cofundador de Chaira, un Grupo de Investigación Etnográfica e participou en numerosos proxectos de investigación sobre esta clase de literatura.
Coñecino máis a fondo en Cuba, con motivo da Feria Internacional del Libro de La Habana, que tiña a Galicia como invitada literaria ao evento. Foi en febreiro do ano 2008. Alí traballamos moito. Compartimos actos moi diversos, entre encontros, animacións, presentacións de libros etc. Pareceume un ser “excepcional” por non dicir “mítico”. Aprendín da súa maneira de facer, contoume anécdotas relativas á cultura popular ben curiosas e faloume das lendas urbanas,das que eu escoitara falar pero sabía moi pouco delas.
Antonio Reigosa é unha persoa xenerosa, amable e chea de sabenza.  Aínda gardo na memoria e moi dentro de min / nós a visita que fixemos tres persoas  ao Museo Provincial de Lugo, lugar onde traballa, e todo o que nos foi ensinando con moito agarimo.
En Cuba. Feira do Libro
Falar de Antonio Reigosa é falar de Resalgario (Ed. Xerais. Col. Merlín). Este é o nome da novela e un dos fillos máis novos do Demo Maior. Falar de Antonio Reigosa é perderse polo mundo da Galicia Encantada, dos seres imaxinarios, das historias que conteñen doses grandes de afecto e amor á cultura. Porque Antonio é unha persoa seria e intelixente no seu traballo e contaxia afecto. Dá gusto oílo falar polo sentido positivo no que envolve as palabras. Antonio Reigosa, cos seus libros, coa investigación fonda que realiza, coa súa conversa levantoume o ánimo ben veces.  A última, por teléfono, mentres escribía estas liñas.
A súa aportación a Versos e aloumiños non pode ser máis curiosa, interesante e necesaria.
Un pracer ler e escoitar o que enviou. Non vou desvelar a súa colaboración, pois el mesmo explícao e nós só temos que poñernos a gozar.
Grazas, amigo, por todo.


Con Antonio G. Teijeiro en Lugo



 Arte oral (I)
Asunción Vila Cotelo

 por Antonio Reigosa

 A literatura, toda literatura, sexa creada para recitar, dicir, representar ou ler nace da sempiterna necesidade do ser humano por tratar de comprender, e de explicar, os misterios do mundo que o rodea. O soporte, a memoria ou un impreso, non altera, no substancial, a función cultural e social da literatura, tanto se esta foi transmitida por vía oral, como se foi fixada e divulgada de forma escrita. A fórmula máis común, sen embargo, é a que mestura oralidade e escrita como vehículos naturais da expresión literaria.




Asunción Vila Cotelo: Non vos riades de min

Asunción Vila Cotelo naceu na parroquia de Cambre, no concello de Malpica, entre os grandes mestres e mestras da rica tradición regueifeira da Terra de Bergantiños. Está para cumprir o día 25 de marzo deste 2013 os 83 anos; aínda que apenas sabe ler e, aínda menos, escribir, é un bo exemplo desa forza que recrea as emocións e que chamamos literatura.
Aprendeu de nena, de memoria, as “historias” que a súa nai mercaba nas feiras. Dedicou a vida a traballar na terra e a atender unha taberna na compaña do seu home e des que enviuvou sentiuse ave libre para labrar versos (ao seu defunto non lle agradaba esa súa querencia súa polas rimas). Desde entón vai armando, cultivando, na súa cabeza, verso a verso, milleiros de coplas que unha vez que toman a forma que ela considera axeitada, vaillas ditando a unha das súas netas para que llas “pase” ao papel.
Deses papeis naceu o seu único, polo de agora, libro impreso que leva por título “Coplas dunha namorada da súa terra”. O concello de Malpica correu cos gastos, dunha tirada que aínda que foi tan só de 50 exemplares resultou ser o agasallo máis prezado que ela podía agardar para o seu 80º aniversario.
Coñecín a Asunción en maio de 2010, na Lareira da Casa do Cura, no Couto, en Ponteceso, na sede a Fundación Eduardo Pondal. Celebrabamos unha polafía (outro día contarei deste proxecto) grazas á colaboración e entusiasmo de Xosé Manuel Varela e dos amigos e amigas da Fundación Eduardo Pondal e da Asociación Cultural “Monte Branco”.
E alí estaba Asunción, entre outras moitas persoas que participaron na representación oral; a simpática e vital Asunción.
Aquel día deixounos unha mostra, á forza breve, da súa incrible capacidade para crear e recitar unhas coplas que ela, xenerosamente, compartiu aquel día co cento de persoas que alí estabamos e que agora, desde esta ventá  onde os versos, todos os versos, aluman e iluminan a esperanza.
Pide Asunción nos seus versos: Non vos riades de min!
Eu a vós rógovos que a escoitedes, e que logo pensedes nas razóns profundas, atávicas, desa humilde petición.

 Boas tardes, compañeiros,
díghovos de corazón
se me deixades falar
heivos de dicir quen son.

Por favor, ghardá silencio

que agora vos vou contar
todas as cousas bonitas
que temos no meu lughar

Non vos riades de min,
[es]tamos todos en familia,
hoxe é o primeiro día
que saio desa morriña.

…………..


Unha vez lido e escoitado tan entrañable documento, vou poñer en Versos e aloumiños un conto de Antonio Rfeigosa que forma parte do libro A flor da auga. Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas (Ed. Xerais, 2006) que comparte con Xosé Miranda. Cada un aporta un bo número de historias que paga a pena ler.


 
A FONTE DOS TRES XUNCOS

Ninguén que vaia na súa deliberada procura atopará esta fonte marabillosa que mana nun indeterminado lugar do monte que chaman da Torre en Rubiás dos Mistos, en Calvos de Randín.
A fonte non se amosa nunca a quen vai pensando nela e só se ofrece á vista de camiñantes inocentes e despistados. O que dea con ela vaina coñecer polos tres xuncos que agroman ao seu carón.
O que a atope debe escoller un dos tres xuncos e tirar del, e segundo por cal deles puxe, pode atopar ouro, prata ou carniza.
O ouro garántelle riqueza e opulencia de por vida, a prata deixa as cousas como estaban e un segue a ser quen era. O perigo está na carne podre, que agoira infelicidade e amargura perpetuas.

                                                                 ANTONIO REIGOSA


Con Susi e Alba en Lugo