viernes, 22 de febrero de 2013

Un libro para ler e escoitar de Beatriz Fraga




Estás, como case todos os días, na libraría. Estás na sección de libros en galego. Estás na procura daquel título que desexas levar á túa casa porque alguén cho recomendou.Estás folleando algún de poesía. Estás no medio dun mundo tan apaixonante para ti. E tras moitos estás , aparece  alguén que te coñece e ponche un libro nas mans. Un libro que non está dirixido a ningunha idade en particular. Momento de sorpresa. Colles o libro, xa máis consciente, e les o título: O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga  (Euseino? Editores.2012). E resulta que ti coñeces a Beatriz, pero non a Fraga (enténdase ben, estamos a falar só de apelidos). Decides mercalo. E curioso:  a autora está na libraría folleando uns libros. Dimo a libreira. Fico sorprendido e moi contento. Tenme pasado máis dunha vez.  Achégome a ela. Doulle dous bicos co libro na man. Pídolle que mo dedique. “Vou levalo”, dígolle. Ela, coa súa modestia, resístese a que o merque . Eu négome inflexible. Á fin consigo que mo dedique. Parece sentirse algo violenta. Non sei a razón. E escribe unhas palabras que me encantan:  Para Antonio García Teijeiro, pola musicalidade dos seus poemas, con agarimo. Falo un pouco con ela, alégrome moito de que se decida a crear con maior continuidade, inclúo o seu libro entre outros que tiña reservados e marcho. Lereino en canto remate unha novela de Jordi Sierra i Fabra. E así foi. Rematada a novela do meu amigo, abrín O Rei Portador e outras historias. Vin que as ilustracións eran da propia autora. Fenomenal. E ,tras a primeira delas, atopo un pequeno texto de Platón, Timeo 23 b, que di: Dese xeito, desde o principio volvedes ser outra vez coma nenos, sen saber nada do que, nin aquí nin entre vós, aconteceu nos tempos antigos.Fermosa palabras dun texto máis amplo que figura nunha das lapelas. E, ademais, toda unha declaración de intencións. Leo o libro dunha tirada. Hai certas obras que eu sinto cálidas. Obras cuxa lectura me deleitan. Teño unha grande intuición para iso. Eses libros léoos na cama cunha pequena lámpada, para non molestar a quen dorme ao meu lado.  Este libro conseguiu entrar nesta categoría. A categoría dos que aloumiñan e les con pracer. É un libro escrito cunha prosa limpa, cunha cadencia ben medida, cunha linguaxe nada afectada, moi natural.  Son historias moi ben contadas polas que pasan  Atlas, Atenea, Odiseo, o cabalo de Troia, o Coloso de Rodas, Ptolomeo III ou Berenice.” Historias que”, en palabras da autora, “naceron dun xeito inesperado, sendo a primeira  A torre que quixo acadar o ceo, que xurdiu despois de mirar atentamente o cadro de Pieter Brueghel, O Vello, A gran torre”. Historias baseadas nunhas lendas que veñen de lonxe e que aterran, nos nosos días, frescas e próximas, da man de Beatriz Fraga. Historias contadas con enerxía controlada, con sinxeleza , que non con simpleza, e que reforza no lector ou lectora o gusto por ler e, mesmo, por escoitar, dada a sonoridade do estilo empregado pola autora. Si, porque eu considero, dende o punto de vista de lector, que este libro posúe tres características importantes: lese con moito agrado, ten un  gran sentido da oralidade e percibes  nestas lendas un discurso, en moitos momentos, completamente actual.Non perden vixencia. Cando rematei, sentinme moi ben. Quería máis historias. Iso fala moi ben do libro. Gocei con el e sentinme acariñado polas súas verbas.
E remato dicindo que Beatriz Fraga é mestra de Educación Infantil no “CEIP García Barbón” de Vigo. Que ama a palabra en todas as súas versións, que traduce textos variados e que no 2009 esta muller nacida en Carballo publicou Marcelo o morcego  na colección Tartaruga da Editorial Galaxia. Como non o teño, mercareino na miña libraría.
Parabéns, Beatriz. O teu libro arroloume con agarimo e esa noite durmín moito mellor.


                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO