martes, 22 de enero de 2013

A luz das palabras (6): Espazo Lectura


Veño ben tempo manifestando que non normalizaremos a lectura ata que deixe de depender tanto da escola. Nos centros recomendan certos libros e logo, trabállanse ou non dependendo do grao de compromiso do mediador ou mediadora. É dicir, do mestre ou da mestra. Tamén digo que, en demasiadas ocasións, falta un criterio literario para poñer nas mans do alumnado os libros axeitados. E que non se me entenda mal: hai docentes que si teñen moito interese en faceren as cousas ben. Admiro estas persoas que, con demasiada frecuencia, navegan contra vento e marea. Sempre me teñen á súa beira. Así que eu celebro feliz certos clubs de lectura, grupos entusiastas de nais e pais que cren na bondade da literatura, bibliotecarios/as que intentan achegar a rapazada aos libros. Mais, neste eido, teño que dicir que admiro fondamente Espazo Lectura. O vindeiro sábado día 26, este grupo de persoas cumpre cinco anos, cinco!!! des que decidiron iniciar un proxecto ambicioso pero moi pensado.


Espazo Lectura, como se pode ler no artigo de Concha Costas, está moi consolidado e non fan as cousas por facer. Sempre están argallando actividades de moi alta calidade. Actividades lúdicas, orixinales, arriscadas. Actividades, que debo remarcar, arredor do libro. E isto resulta fundamental. O libro é o centro de todo o que se fai, e xunto a el, persoas de todas as idades, profesións e procedencias fan que os nenos gocen coas actividades ben pensadas e enxeñosas. Espazo Lectura é un exemplo. Nel non hai personalismos estúpidos. En Espazo Lectura, un equipo moi ben coordinado, cadaquén ten a súa misión. Eu sempre confiei no traballo en grupo. Non é fácil manter a harmonía entre os que forman un equipo. Espazo Lectura, si. Eu mesmo puiden comprobalo, cando estiven nun fermoso encontro na Biblioteca de Gondomar. Cinco anos de Espazo Lectura. E semella que foi onte cando comezaron a súa aventura. Parabéns aos seus compoñentes e que sigan cinco, e cinco, e cinco máis. A formación lectora e persoal dos nenos e nenas precísano. Non me estendo máis. Penso que as nidias palabras de Concha Costas van clarexar e achegar aos que non os coñecen a tarefa tan variada que desenvolven. Un pracer, amigos. E sabede que me vou asociar. Que menos se pode pedir, se estades plantando soños nos xardíns dos pequechos/as.!!

                     

Espazo Lectura e a rebelión da lectura


Espazo Lectura é unha asociación de fomento e promoción do libro e a lectura que se constituíu formalmente en xaneiro do 2008, aínda que as actividades das que naceu comezaran a realizarse no ano 2006. Na actualidade desenvolve no Val Miñor unha ampla programación con máis de cen actividades estables ao ano para todas as idades, desde os bebés e as súas familias ata o público adulto. Contacontos, clubs de lectura, sesións de dinamización lectora, noites golfas, noites na biblioteca, accións lectoras ou sesións de lectura compartida son algunhas das actividades que conforman este proxecto que nace da sociedade civil co obxectivo de converter a lectura nun espazo de encontro e socialización, de reflexión e debate.



A maior parte das actividades teñen carácter estable, pois Espazo Lectura entende que só se pode crear hábito lector mediante o traballo continuado. Así a programación inclúe dúas actividades de periodicidade semanal para nenos e nenas de 3 a 10 anos e as súas familias: o Contomar, un contacontos que se realiza todos os luns na Biblioteca Municipal de Gondomar, e as sesións de dinamización lectora que se desenvolven todos os mércores na Casa da Lectura, unha antiga escola infantil que Espazo Lectura converteu en biblioteca e centro de actividades de promoción do libro e a lectura. O proxecto inclúe tamén diversas actividades de periodicidade mensual: Contos en cueiros (para bebés e as súas familias), Comando Le (dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos), o club de lectura compartida Lendo contigo (dirixido a nenos e nenas de 7 a 11 anos e os seus pais e nais), o club Sete vidas (centrado na lectura de narrativa) e o club Lecturas debuxadas (centrado na lectura de banda deseñada).



A programación compleméntase con outras actividades esporádicas ou de carácter anual como o Dar de ler coma quen dá de beber (unha maratón de lecturas compartidas en voz alta), a Noite na Biblioteca (uns 30 rapaces e rapazas quedan a durmir na Biblioteca Municipal con numerosas actividades), a Sentada lectora (enchemos a alameda de Gondomar de xente lendo) ou a Fogueira dos versos (lume e poesía na noite de San Xoán).





Cinco anos de actividades e de conversas arredor do libro e a lectura, de encontros con autor@s, ilustrador@s, tradutor@s. Cinco anos tecendo unha sólida rede de fomento da lectura na que se integran os centros de ensino, a Biblioteca Municipal, as editoriais, as librarías, o Concello de Gondomar. Cinco anos dinamizando o uso da lingua galega entre as persoas participantes e dando a coñecer as novidades editoriais na nosa lingua. Cinco anos de propostas para favorecer a reflexión social arredor da lectura como actividade de lecer pero tamén como motor de cambio, como ferramenta para construír unha sociedade máis crítica e capaz, máis consciente e esperta, máis madura e reflexiva. Cinco anos promovendo unha rebelión social a partir da lectura baixo o lema da campaña Gondomar, lendo para medrar, coa que Espazo Lectura resume moitos dos valores da filosofía do seu proxecto. Únete ti tamén á rebelión da lectura.

CONCHA COSTAS



Para máis información sobre Espazo Lectura, facede click aquí.